Xustiza

O TSXG desestima o recurso do Concello e ratifica a ilegalidade da cidade deportiva do Celta en Mos

"Os campos de fútbol son a excusa para expropiar o monte comunal e logo recalificalo para poder construír un complexo de hoteis, restaurantes, cafetarías e xogos recreativos", afirman desde a Comunidade de Montes de Tameiga.
Concentración de veciñanza de Mos diante de 'Afouteza'. (Foto: CMVMC Tameiga)
photo_camera Concentración de veciñanza de Mos diante de 'Afouteza'. (Foto: CMVMC Tameiga)

En maio de 2022 o TSXG ratificou a sentenza previa que anulaba parte da licenza concedida polo Concello de Mos ao Real Club Celta para construír a súa cidade deportiva. Aquel veredicto, emitido un ano atrás por un xulgado de Pontevedra, estimaba o recurso interposto pola veciñanza comuneira de Tameiga, neste mesmo municipio, e revogaba en consecuencia o permiso de obras outorgado en 2019 para os vestiarios e outras instalacións auxiliares. Tamén instaba a revisar a licenza que facía posíbel levantar os campos de adestramento.

Desde a primeira presentación do ambicioso proxecto, o Celta realizou diferentes modificacións que derivaron no que hoxe se presenta como 'Factoría do Deporte Galego-Galicia Sports 360', unha iniciativa declarada "de interese autonómico" polo Consello da Xunta en novembro de 2022, cando xa transcendera o ditame do TSXG, que o Goberno de Nidia Arévalo recorreu en casación.

Mais agora, segundo anuncia a Comunidade de Montes de Tameiga, o alto tribunal galego vén de desestimar este último recurso e confirma, así, a sentenza previa que tombaba unha parte substancial do proxecto. "A cidade deportiva é ilegal. A sentenza é firme. Agardamos que se execute cedo a sentenza e restitúa a legalidade urbanística", sinala César Lago, presidente da entidade.

As e os comuneiros amósanse "satisfeitos" con este novo golpe xudicial a Afouteza, proxecto que desde hai anos cualifican de "pelotazo urbanístico" por permitir o Concello "o despropósito da construción dun edificio de case 3.000 metros cadrados , cando pola cualificación do solo rústico de especial protección só podían construirse uns pequenos vestiarios e almacéns".

A cidade deportiva, salientan, "segue carecendo de ningunha cobertura legal", pois o Plan Especial de Infraestruturas e Dotacións que aprobou a posteriori —en xullo de 2022— o consistorio, coa oposición de BNG, PSdeG e GañaMos, "está recorrido" na actualidade. E lembran tamén que outros colectivos como Ecoloxistas en Acción, a Asociación Veciñal A Portela de Tameiga ou, no plano político, as forzas da oposición xa demandaran actuar contra "este despropósito urbanístico" nos montes comunais.

Os comuneiros: "Os campos de fútbol son a excusa para expropiar o monte comunal e logo recalificalo para poder construír un complexo de hoteis, restaurantes, cafetarías e xogos recreativos"

Sobre a nova denominación do proxecto, os comuneiros afirman que "se fala sempre dunha cidade deportiva e de que renunciaban ao 'macro centro comercial', pero no proxecto Galicia Sports 360 que presentou o presidente do Celta, Carlos Mouriño, quedounos claro que é un proxecto da industria do lecer e que os campos de fútbol son a excusa para expropiar o monte comunal e logo recalificalo para poder construír un complexo de hoteis, restaurantes, cafetarías e xogos recreativos".

Desde a Comunidade de Montes parabenizan a veciñanza comuneira "que durante máis de catro anos non cedeu ás ameazas e insultos", no marco do que consideran unha "campaña de acoso mediante denuncias instigadas pola alcaldesa [Nidia Arévalo]", e instan o Goberno local a "recoñecer a ilegalidade das licencias concedidas e a pedir desculpas á veciñanza de Mos".

Nas oficinas do Celta, por outra parte, trasladan a súa tranquilidade a respecto da desestimación do recurso de Arévalo. "Non hai ningunha preocupación", aseguraron esta mesma mañá, en declaracións á axencia EFE. Desde o Celta insisten en que a ilegalidade declarada xa oficialmente pola xustiza galega "non afectará" a construción do complexo 'Galicia Sports 360'.

Comentarios