Marc Carbó cre que o Lugo "debe coidar algúns detalles"

O centrocampista catalán do CD Lugo amósase positivo coa traxectoria do equipo esta tempada. O conxunto de Hernán Pérez viaxará este sábado a Huesca.
Marc Carbó na sala de prensa (Foto: CD Lugo).
photo_camera Marc Carbó na sala de prensa (Foto: CD Lugo).

O CD Lugo tenta repoñerse do mal resultado da pasada fin de semana e analiza a situación con optimismo. O centrocampista Marc Carbó compareceu onte na sala de prensa do Ángel Carro coa vista posta no seguinte partido que teñen por diante os homes de Hernán Pérez. 

"Temos que traballar o feito de deixar a porta a cero, xa que somos un equipo que conseguimos xerar e marcar”, sinalou o centrocampista catalán nun momento da súa intervención. O xogador recoñeceu que no seu equipo “non podemos descoidarnos nin un segundo, esta categoría exíxeche todo”.

Por ese motivo, e nunha situación como a que vive particularmente o xogador neste momento no vestiario do Lugo, indicou que “o míster pídeme tranquilidade, que mostre a miña mellor versión e que xogue con confianza”. 

Porén, non quixo criticar a situación do equipo na clasificación, agora mesmo perto da zona de descenso. "Son detalles os que nos penalizan. Creo que a tempada é boa, está a traballarse ben, pero necesitamos coidar algúns detalles concretos", asegurou. 

Agardando ser “exixentes” diante o Huesca

Após lembrar como "un momento esperado, moi traballado” a súa primeira participación no campo e que traballa “día a día para mellorar, dar un paso adiante e demostrar o meu valor" centrou as súas declaracións no seguinte partido contra o Huesca.

“Agardamos un partido exixente, somos conscientes do seu potencial, pero ao idea é buscar os tres puntos" nunha categoría que cualificou como de "moi bonita, que che require do máximo para puntuar".

O encontro contra o Huesca terá lugar este sábado ás 18.30 horas no campo do Alcoraz nunha viaxe que os de Lugo procurarán aproveitar para afastarse dos postos de descenso.

Comentarios