O CD Lugo buscará ser forte na casa diante do Real Oviedo

O xogador do CD Lugo, Miguel Loureiro, comparece en rolda de prensa no Anxo Carro e amósase positivo de cara o partido deste domingo. 
Miguel Loureiro na rolda de prensa (Foto: CD Lugo).
photo_camera Miguel Loureiro na rolda de prensa (Foto: CD Lugo).

Na xornada desta terza feira compareceu en rolda de prensa nas instalacións do Anxo Carro o lateral do CD Lugo, Miguel Loureiro, para analizar a derrota da pasada xornada e opinar sobre o futuro do equipo.

Para o de Cerceda "estes dous últimos resultados non embazan nada” polo que “hai que estar tranquilos, sabemos que é difícil, mais cremos en nós mesmos, no traballo que facemos co míster”.

Segundo Loureiro, o seguinte partido no Anxo Carro diante do Oviedo (domingo 25 de setembro ás 16.15 horas) será “moi bo para regresar á senda positiva" na categoría. 

En relación ao mal partido da pasada fin de semana admite que "hai que facer autocrítica” e sinala que para mellorar "hai que traballar duro”. Para este xogador a derrota foi “un castigo excesivo, mais é verdade que temos que axustar algunhas cousas. Somos conscientes dos puntos para mellorar".

Explica que "a xogada do penalti  chégame nunha situación límite. Vén dunha xogada un tanto desafortunada, é verdade que impido o remate, pero derrubo ao rival". Por iso admite que "temos que controlar as situacións para non ter que chegar aí". 

Sobre o seu posto no campo asegura que "a posición de central non é nova para min. Podo adaptarme a esa posición” até o punto de atoparse “cómodo”.

O Real Oviedo, novo rival

Loureiro cre que o Real Oviedo "é un gran equipo, non o vai a pór fácil”. Recoñece que “é verdade que temos algunhas baixas, mais hai un persoal preparado para competir” pensando que “a xente que entre o fará con máis ganas aínda. Confío en todos os meus compañeiros".

Porén, agarda “un partido moi físico. O rival é moi forte" e sentenza que teñen que seguir a liña vista noutros partidos, "expor un partido complicado e duro desde todos os aspectos".

Comentarios