Entre o mar e a terra, o VII desafío da proba Winnerman agarda na Coruña

A medio camiño entre a natación e a carreira, a Winnerman coruñesa xa é unha proba clásica na cidade. Cen inscricións avalan a volta desta competición de resistencia.
Saída da proba Winnerman desde a praia coruñesa de Oza nunha edición anterior (Foto: Winnerman).
photo_camera Saída da proba Winnerman desde a praia coruñesa de Oza nunha edición anterior. (Foto: Winnerman)

As probas deportivas de resistencia que combinan varias disciplinas cada vez teñen máis aceptación na Galiza. Unha das máis singulares e atractivas ten lugar na Coruña por estas datas e é a denominada Winnerman que emprega a natación e a carreira como elementos protagonistas para conxugar todo un desafío. A súa VII edición será o 17 de setembro e o escenario, un ano máis, a praia de Oza da cidade herculina. 

O Desafio Winnerman consiste na realización de tres etapas entre mar aberto e terra. A primeira son 1.000 metros de natación, a segunda de 5.000 metros de carreira a pé e, finalmente, a última remata con 1.000 metros de natación con chegada en terra. Ademais, contan coa posibilidade dun percorrido máis doado para a categoría Júnior que reduce as distancias a 250 metros de natación e 500 de carreira, respectivamente. 

Historia dun desafío

No Club Natación Liceo xa contan as horas para que chegue o día da proba. Até hoxe levan 100 inscricións, un bo número malia ser unha competición exixente. O director da mesma, Jesús de la Fuente, explica a Nós Diario que a proba xurdiu no seu momento para dar a coñecer que deportista estaba máis en forma, enfrontando na práctica natación e carreiras. 

“Cando deseñamos o percorrido procuramos que fose igual para nadadores que para corredores”, indica este responsábel técnico. Nestes anos, coa única excepción dos dous que se suspenderon pola pandemia, participaron segundo De la Fuente “nadadores, triatletas e atletas de alta competición” cun resultado, até agora, favorábel ás nadadoras e aos nadadores.

Pola Coruña pasou, por exemplo, a olímpica galega Beatriz Gómez. A Winnerman coincide, ademais, co inicio da tempada de natación e co remate da de tríatlon. “As condicións aquí son duras pola temperatura da auga e aínda que a primeira parte realízase co traxe de neopreno a última non, para non perder tempo”, sinala. 

En total, unha vez completadas as tres etapas, dura uns 50 minutos. “Non é para todo o mundo, hai que saber sufrir, admite De la Fuente.

A experiencia de gañar a Winnerman

Para saber como é a Winnerman nada mellor que falar coa gañadora e o gañador da edición 2021: María de Valdés e Marcos del Río. Ambos os dous non participarán nesta edición por motivos diferentes, a primeira por lesión e o segundo por participar noutra proba.

A malagueña do Club Natación Liceo, campioa de España de augas abertas e subcampioa de Europa nesa modalidade en 5 km, admite a Nós Diario que é “unha experiencia diferente para as nadadoras” ao ter que competir nunha carreira. Aínda así recoñece que “en natación estamos acostumadas a realizar tamén outros deportes de preparación e un deles é correr”. 

En declaracións a Nós Diario, Marcos del Río, do Natación Ferrol, considera que a igualdade na Winnerman é un estímulo, polo que "hai que ser bo nas dúas disciplinas, non vale de nada que teñas unha boa actuación no mar se despois non o fas ben na carreira".

Comentarios