Máis traiñeiras para a Liga Galega

A temporada 2016 podería contar con 17 tripulacións a competir, 2 máis que este ano.

Tripulación de Amegrove
photo_camera Amegrove, actual campioa LGT

Coa volta de Samertolameu de Meira á Liga Galega de Traiñeiras (LGT) - após a perda de praza na Liga ACT-, e a posibilidade de que Narón saque barco ao mar; a competición galega podería reunir máis botes que nunca para a temporada que comeza, 17. Dous máis que na actualidade.

A LGT divídese en dúas categorías. As traiñeiras que compiten son Amegrove, Mugardos, Ares, Pobra, Coruxo, Vilaxoán, Castropol, Bueu, Mecos, Chapela, Perillo, Rianxo, Cesantes, Vila de Cangas, Mera. Ás que agora hai que engadir Meira e, probablemente, Narón. Como nota negativa, a traiñeira de Esteiro ( A Esteirana) non sairá tampouco este ano ao mar, unha mala nova para un dos botes históricos deste deporte.

Amegrove é a vixente campioa da LGT e acumula xa catro títulos na Liga: 2010, 2011, 2012 e 2015.

Na Liga San Miguel ou ACT, onde compiten as 12 mellores traiñeiras de Euskadi, Galiza e Cantabria, hai 2 representantes galegas: Cabo de Cruz e Tirán. A de Cabo finalizou en sexta posición esta temporada e os de Tirán, sétimos.

Comentarios