xoves 26/11/20

O Lugo, a volver á senda dos triunfos ante o Albacete

Os compromisos das seleccións internacionais levaron a que o fútbol parase na Primeira e na Segunda División B, que reserva esta data para recuperar partidos adiados, pero non na categoría de prata. Cousas do calendario... Tamén segue a Terceira galega, onde Somozas e Bergantiños aspiran a continuar co seu dominio sobre a categoría.
A pasada tempada os albivermellos impuxéronse ao conxunto manchego por 1-0 no Anxo Carro. (Foto: CD Lugo).
A pasada tempada os albivermellos impuxéronse ao conxunto manchego por 1-0 no Anxo Carro. (Foto: CD Lugo).

Hai apenas catro meses Lugo e Albacete chegaban á derradeira xornada de Liga ocupando postos de descenso a Segunda B, mais lograron a permanencia e hoxe o conto cambiou -e como!- para os lucenses, que ocupan unha cómoda décima posición, a tan só un punto dos play-off. Para os manchegos, non obstante, as dinámicas continúan sendo negativas na tempada 2020/21, e están situados na décimo novena praza, empatados a dez puntos co Zaragoza.

A chave do rexurdimento dos albivermellos foi a chegada do francotunecino Mehdi Nafti na sexta xornada en substitución de Juanfran. Desde entón, o Clube Deportivo Lugo gañou catro partidos, empatou un e perdeu outro, na última xornada ante a escuadra máis poderosa da categoría e máxima favorita a conseguir o ascenso a Primeira, o Real Club Deportivo Espanyol.

Logo desa doce derrota en Barcelona, onde os de Nafti mereceron máis, o obxectivo debe ser volver á senda dos triunfos ante o Albacete no encontro programado mañá ás 18.30 horas no Anxo Carro

Para conseguilo, o preparador albivermello recupera Iriome e Luís Ruíz, dous homes importantes no seu esquema dos que non puido dispor ante o Espanyol por distintos problemas físicos, pero serán baixas seguras o mauritano Moctar El Hacen e o guineano Marcelo Djaló, que se atopan concentrados coas súas seleccións nacionais.

O dianteiro compostelán Manu Barreiro considera que este choque ante o Albacete "é deses que poden ser importantes a final de tempada", e destaca o "nivel de confianza" no que se atopa o equipo a raíz dos bos resultados desde a chegada de Mehdi Nafti, do que dixo que achegou "unha serie de activos importantes para conseguir os obxectivos, como disciplina e orde táctico e defensivo".

O Celta presenta a súa campaña de abonamento

Un día despois de confirmar oficialmente o segredo a voces da sinatura do arxentino Eduardo 'Chacho' Coudet como o seu novo adestrador, o Real Club Celta presentou a súa campaña de abonamento para a tempada 2020/21, que, como non podía ser doutro modo, se atopa completamente condicionada á situación sanitaria que está padecendo o país.

A entidade viguesa comunicou que ofrece ao seus abonados e abonadas a posibilidade de renovar o seu carné "por tan só 50 euros, mantendo todas as vantaxes asociadas á súa condición". Tamén se tramitarán novas alta, "neste caso sen cota de entrada e coas mesmas vantaxes que as renovacións en canto a descontos e acceso a entradas, se fose posíbel". 

Por outra banda, o Celta tamén anunciou a desaparición da figura dos abonamentos anuais, aqueles que, no canto de pagarse por tempada, se facían desde o 1 de xaneiro até o 31 de decembro, e as súas titulares, polo tanto, tamén terán que renovar os seus carnés no marco da nova campaña.

A Terceira galega afronta a súa quinta xornada

Somozas, Bergantiños e Silva aspiran a continuar como únicos equipos invictos da categoría na quinta xornada da Terceira galega. Os de Ferroltera visitan o campo do Polvorín mañá ás 12 horas co firme propósito de sumar unha nova vitoria e manterse no liderado.

Pola súa banda, o seu inmediato perseguidor, o Bergantiños, xoga  tamén mañá -ás 16.30 horas- e fóra da casa, no seu caso ante un Clube Deportivo As Pontes que, de gañar, empataría a puntos cos de Carballo.

Os outros choques da xornada son o Silva-Fisterra (domingo, 12 horas), Racing Vilalbés-Fabril (domingo, 16.15 horas) e Paiosaco-Viveiro, mañá ás 17 horas, pois o Arzúa-Estudiantil Vista Alegre quedou suspendido onte por positivos en Covid-19.

comentarios