O Club Deportivo Lugo é o mellor equipo da Segunda División. Polo menos, no que respecta ás últimas sete xornadas, que coinciden coa chegada de Mehdi Nafti ao banco do equipo galego. Após superar o Albacete Balompé esta fin de semana (1-0), os albivermellos instálanse na sexta posición, que dá acceso a disputar o play-off de ascenso á máxima categoría, e miran con ollos de larpeiro a Almería, Leganés e Sporting, que os preceden na táboa clasificatoria por tan só un e tres puntos, respectivamente.
No encontro contra o Albacete os homes de Nafti mostraron as virtudes que os sacaron do pozo no que estaban sumidos no inicio da tempada, especialmente a capacidade para non baixar nunca os brazos e unha ambición sen límite.
Porque no minuto 39 da primeira metade o colexiado vasco Bikandi Garrido expulsaba de forma máis que cuestionábel o defensa lucense Eduardo Campabadal logo dunha acción na que o VAR, unha vez máis, deu boa mostra da súa inutilidade. Non obstante, o equipo aguantou o resto do partido sen conceder un só tanto e Manu Barreiro foi quen de anotar o tanto da vitoria no minuto 85.
Augas revoltas en Balaídos
Nin nunha fin de semana sen fútbol atopa o Celta tranquilidade. Apenas uns días despois do cesamento de Óscar García Junyent e a contratación do Chacho Coudet como o seu substituto -con moita polémica no Brasil pola forma de fechar a súa partida do Internacional de Porto Alegre, que levará a que teña que pagarlles arredor dun millón de dólares como compensación-, a nova campaña de abonamentos feita pública polo club puxo, outra vez, en pé de guerra a parroquia celeste.
Sorte dispar para os galegos no sorteo de Copa
A bombo da Copa do Rei deparou cruces interesantes para os equipos galegos, en especial para o modesto Ribadumia, que recibirá todo un Primeira como é o Cádiz.
O resto dos choques serán Celta-Llanera; Lugo-Pulpileño; Dépor-O Exido; Ourense-Leganés; Coruxo-Málaga; Pontevedra-Cartaxena e Compos-Ibiza.