Lugo e Huesca disputan o 'derbi galego' da Segunda

O Club Deportivo Lugo xoga mañá ante o Huesca o máis parecido a un derbi na categoría de prata. Pola súa parte, o Real Club Celta está obrigado a pasar por enriba do fechacancelas da Liga, o Levante, misión compartida cun Deportivo que necesita finalizar a súa negativa xeira de resultados a costa do Calahorra. 
No seu duelo da primeira volta impuxéronse os da Cidade da Muralla por un resultado de 3 goles a 2.  (Foto: La Liga).
photo_camera No seu duelo da primeira volta impuxéronse os da Cidade da Muralla por un resultado de 3 goles a 2. (Foto: La Liga).

Os infrutuosos esforzos de Deportivo, Celta B ou Rácing de Ferrol no seu intento por lograr o ascenso de categoría a tempada pasada deixou o Club Deportivo Lugo como único representante da Galiza na Segunda División. Porén, hai un equipo no que o peso galego é moi importante, a Sociedade Deportiva Huesca, o que lle confire ao encontro que disputarán mañá ás 18.15 horas un carácter moi especial, próximo ao dun derbi.

No conxunto oscense militan Pablo Insua, Juan Carlos, Mosquera e Ferreiro, ademais dun home que non é galego pero que até hai apenas tres semanas defendía as cores albivermellas: Gerard Valentín. Porén, a presenza do extremo -chave no partido da primeira volta, que o Lugo se adxudicou por 3 goles a 2 cun tanto inaugural do seu ex xogador estrela- sobre o céspede do Alcoraz non está garantida, pois arrastra molestias no pé a causa dunha fascite plantar.

Para o adestrador do Lugo, Rubén Albés, a súa incorporación, xunto con outras de ex 'primeiras' como Lago Júnior, Pablo Martínez, Timor e Darío Poveda, fai que a Sociedade Deportiva Huesca sexa "un equipo mellor que na primeira volta", polo que para el as opcións de gañar pasan por "xogar con personalidade, crendo no colectivo e sendo conscientes de que o rival non se somete e sempre ataca".

Celta: todo o que non sexa gañar será un fracaso

Logo do empate ante o Cádiz, penúltimo clasificado, se o Real Club Celta quere de verdade xogar en Europa no ano do seu centenario non pode deixar escapar máis puntos ante rivais da zona baixa da táboa, polo que precisa imperiosamente sumar os tres puntos ante o fechacancelas da Liga, un Levante que só foi quen de gañar dous partidos de 24, aínda que a segunda desas vitorias tivo lugar hai apenas tres días e contra todo prognóstico no campo do Atlético de Madrid.

O volante arxentino do Celta, Franco Cervi, recoñeceu que o cadro de xogadores viu ese choque entre granotas e colchoneiros, polo que para evitar cometer os mesmos erros que os madrileños tomarán o partido (previsto para as 21 horas da próxima segunda feira, 21 de febreiro) "como unha final". "Polo que vimos, o Levante é un grande equipo, con grandes nomes na liña de ataque", engadiu un Cervi que apostilou que ten "confianza" en que o resultado acabe sendo "favorábel" aos seus intereses.

O Deportivo está obrigado a superar a súa crise

Xa na terceira categoría, a Primeira RFEF, o Deportivo da Coruña exerceu como gran dominador da mesma desde o seu comezo até finais do mes de xaneiro, pero en febreiro perdeu todos os partidos que disputou: primeiro ante o Irún en Riazor, logo contra Logroñés nas Gaunas e na pasada cuarta feira co Rácing de Santander. A tradución desta grave crise é que os cántabros ameazan un liderado que parecía máis que consolidado, polo que precisa dun triunfo mañá (17 horas) no coliseo branquiazul. O seu obstáculo será un equipo inmerso nunha dinámica positiva como é o Calahorra, mais a superioridade deportivista debe prevalecer.

Un pouco máis ao norte, en Ferrol, o Rácing sobe ao autobús para visitar o Valladolid B consciente de que o frío pucelano pode condicionar o transcurso dun encontro programado para as 12 horas de mañá e no que os Diaños Verdes son favoritos.

Por último, pero non menos importante, o filial do Celta, o equipo máis en forma da categoría, agarda estender a súa triunfal xeira de xogo e resultados -suma 21 goles nos últimos seis partidos e 15 puntos de 18 posíbeis- a costa da UD Logroñés (hoxe, 19 horas), a quen precede na táboa por un só punto.

Comentarios