Pablo Insua: "Os xogadores galegos do Huesca estamos unidos pola terra e formamos unha familia"

Humano, sen temor a falar dos seus medos, da dor e das dúbidas, sentimentos cos que está moi familiarizado porque os viviu en primeira persoa, Pablo Insua (Arzúa, 1993) quere deixar definitivamente atrás o calvario das lesións de xeonllo que padeceu en 2019 e 2021 para, o próximo ano, volver ser a referencia dos defensas galegos.
O central afronta con optimismo o ano 2022. (Foto: SD Huesca).
photo_camera O central afronta con optimismo o ano 2022. (Foto: SD Huesca).

A principios do mes de maio de 2021 as probas médicas confirmaban o diagnóstico: rotura do ligamento cruzado anterior do xeonllo dereito. O equipo estaba loitando pola salvación -acabaría descendendo- e vostede era un home con bastante minutos, con 20 partidos ás súas costas e 17 titularidades. Como afrontou animicamente esa inoportunísima lesión?

Leveino mal, pero ao mesmo tempo ben polo feito de pasar por unha experiencia moi similar pouco antes. Sabendo ao que me enfrontaba, tomeino con máis serenidade, pero é fodido, sobre todo nos primeiros días, cando dis: "Por que a min outra vez? Que fixen mal...?". Pero ao final son cousas que lles pasan aos futbolistas e hai que vivir con iso.

Isto chegaba apenas dous anos e tres meses despois de que, como apunta, en febreiro de 2019 padecese a mesma lesión, pero no outro xeonllo, o esquerdo. Que semellanzas e que diferenzas viviu ao longo do proceso de recuperación?

A cirurxía foi diferente, pois a primeira foi do tendón rotuliano e a segunda no músculo semitendinoso, e a recuperación, especialmente ao principio, foi moito menos dolorosa e máis rápida. Ademais, a primeira vez tiña tocado tamén o menisco, que o dificulta todo un pouco máis. E, claro, xa estaba preparado para o que tiña por diante: sentirme incapaz, que os primeiros días sexan duros e dolorosos, necesitar axuda para todo...

Pero, como se di, o sol sempre acaba por saír, e acaba de regresar á acción na Copa do Rei. Como foi ese momento de volver sentirse xogador de fútbol?

Moi especial. Sempre pasa cando estas moitos meses fóra da competición, e a pesar de que levaba varias semanas adestrando, nunca é o mesmo. Nun primeiro momento podes ter, quizais, algo de medo, de dúbidas, do que pasará nese primeiro partido, pero cando ves que pasan os minutos e que todo vai ben e normal, estás súper ben contigo mesmo cando remata o xogo.

Deixando a un lado esas lesións que tanto lle golpearon a pesar da súa xuventude, falaba eu hai un ano aproximadamente nestas páxinas de Nós Diario co seu compañeiro Juan Carlos sobre a ampla colonia galega que teñen no Huesca, co propio Juan Carlos, Mosquera, Ferreiro e vostede mesmo, curiosamente máis que cando debutou co primeiro equipo do Deportivo aló pola tempada 2012/13. Como se leva compartir vestiario con tanta xente da terra nun equipo dunha localidade a case 1.000 quilómetros de distancia? 

A verdade é que si que é curioso (ri). Temos un gran núcleo galego que leva xa moitos anos xunto no Huesca, e penso que non hai outro equipo fóra da Galiza con catro xogadores galegos no fútbol profesional. Estamos unidos pola terra e temos unha gran relación os catro, que formamos unha pequena familia galega dentro do Huesca. 

Falando do Dépor, está no seu segundo ano consecutivo na Segunda B, agora Primeira RFEF, a terceira categoría. Continúa atento á actualidade do seu ex equipo? De ser así, como ve as súas posibilidade de ascenso este ano?

Si, por suposto que sigo o Dépor, todos os anos. Están facendo as cousas moi ben, o equipo está sendo súper competitivo, adaptándose á categoría e o certo é que lles auguro un futuro moi bo. Se seguen nesta liña está claro que loitarán até o último día polo ascenso, é poden conseguilo. O que vemos, aos deportivistas danos tranquilidade, e penso que o equipo, ao final, logrará o obxectivo.

Vostede é todo un experto en ascensos, pois conseguiu tres a Primeira División nas súas tres tempadas en Segunda: unha co Dépor en 2014, outra co Leganés en 2016 e a outra xa co Huesca en 2020. Porén, este ano parece máis complicado que nunca que manteña a súa inmaculada estatística, pois están na posición 11, aínda que a igualdade da categoría déixaos a só catro puntos do sexto posto que dá acceso ao 'play-off'. Por que o equipo non acaba de obter a regularidade que se lle presupón?

A nosa primeira volta foi un tanto irregular, pero o equipo nas últimas semanas está mellorando e xa é máis competitivo. Ademais, como dis, a igualdade da categoría fai que a nivel de puntos non esteamos tan lonxe do play-off, pero nesta segunda volta temos que dar un paso adiante, mellorar os rexistros da primeira e ogallá que poidamos loitar por entrar.

O seu regreso contriburá a mellorar a súa solidez defensiva? 

Eu traballo para iso, para tratar de axudar cando o adestrador considere oportuno que poida entrar no equipo e, como defensa, quero contribuír a conseguir esa solidez defensiva, que é un eido no que estamos mellorando bastante.

Comentarios