O Lugo despídese da Copa do Rei

Celta e Racing disputan este domingo os seus encontros

Diego López recibiu este sábado a insignia de ouro do club e realizou o saque de honra. (Foto CD Lugo)
photo_camera Diego López recibiu este sábado a insignia de ouro do club e realizou o saque de honra. (Foto CD Lugo)

Non houbo milagre no Anxo Carro polo día de Reis. O Atlético de Madrid impúxose sobre un Lugo, desnortado desde a destitución de Pedro Munitis, nun partido que concluíu cun 1-3 a favor dos de Simeone a pesar do bo partido que fixeron os albivermellos.

Os colchoneiros, dez veces campións de Copa e actuais quintos na máxima categoría, fixeron moitas rotacións, como xa anunciara Simeone, pero aínda así os futbolistas menos habituais do terceiro equipo con máis orzamento do Estado semellaban unha muralla practicamente infranquábel para o modesto Lugo.

Con todo, os albivermellos, que saíron ao campo sen medo e, arroupados por un Anxo Carro cheo até a bandeira, apretaron e fixéronse fortes, chegando a facer sufrir os colchoneiros.

O encontro serviu, aliás, para homenaxear o recentemente retirado Diego López, que recibiu a insignia de ouro albivermella e realizou o saque de honra ante o aplauso dun público que ateigou as bancadas.

Celta e Rácing

Restan, até o momento, dous equipos galegos no torneo do KO: o Celta de Vigo e o Rácing de Ferrol, que disputarán os seus respectivos encontros este domingo.

Así, o Celta continúa a súa xira copeira por terras vascas. Despois de eliminar con moito sufrimento e grazas a un polémico penalti o modesto Sestao na rolda previa, o domingo encara uns dezaseisavos de final nos que colidirá cun equipo de superior categoría, o Amorebieta, penúltimo clasificado da Segunda División, que ten só dous triunfos no seu haber desde o mes de setembro. Por iso, o renacido conxunto celeste non debería ter complicacións para plasmar o seu favoritismo nun encontro programado ás 12 horas no Municipal de Urritxe, mais se algo caracteriza o torneo do KO, para ben ou para mal, son as sorpresas.

Finalmente, o outro equipo galego que resta no torneo do KO, o Rácing de Ferrol, segundo clasificado na Segunda División -o que equivale ao ascenso directo á Primeira- recibe na Malata o domingo ás 16 horas un Sevilla no que, entre outros, militan dous campións do mundo como son Jesús Navas e Sergio Ramos, pero que leva moitos meses inmerso nunha crise institucional que tivo a súa réplica sobre o céspede e que ten os hispalenses con só un punto de vantaxe co limiar do descenso.

Comentarios