Lugo, capital do boxeo galego

No boxeo galego hai un club, o Cidade de Lugo, que acaparou este ano unha boa parte do medalleiro en todas as idades e categorías. 'Nós Diario' quixo coñecer de primeira man o traballo que hai detrás deste éxito deportivo para descubrir o traballo de adestradores como José Luís Álvarez, 'Rocky' e do seu fillo, José Luís Álvarez. 
Carla López Bicampiona Galega 2020 e 2021 na proba de saco na Liga da pasada tempada (Club Cidade de Lugo).
photo_camera Carla López, Bicampiona Galega 2020 e 2021, na proba de saco na Liga da pasada tempada. (Foto: Club Cidade de Lugo).

O Bóxing Club Cidade de Lugo foi este ano proclamado o mellor no último campionato galego, decorrido en Sobrado dos Monxes na última fin de semana de xuño. O resultado non era para menos ao levar para a cidade amurallada un total de oito medallas de ouro nas categorías masculina e feminina. Ademais, desa cita deportiva trouxo outras cinco medallas, tres de prata e dúas de bronce. 

O segredo, se cadra, está no dúo que conforman José Luis Álvarez 'Rocky' e o seu fillo, José Luís Álvarez, que adestran nesa entidade deportiva. O club naceu en 2005 como unha extensión na carreira como boxeador de 'Rocky', que comezou cando tiña tan só 15 anos cando venceu por KO o seu primeiro combate contra un puxil que o dobraba en idade. Logo virían os éxitos, como o de quedar dúas veces campión galego, campión galaico astur e campión estatal.

Como seleccionador galego, gañou por primeira vez o Campionato de España por Autonomías para Galiza no ano 2007. Falando do seu currículo afirma con desgusto que lle roubaron o campionato dun dos seus deportistas con máis proxección en 2019 no campionato de España de peso lixeiro. "Hai moito favoritismo", asegura a Nós Diario. Agora prefire centrarse na mocidade que ten no club e que supera a cifra de 100 rapazas e rapaces. 

A canteira de Lugo non para de medrar

Ese traballo é o que tivo os seus resultados. Os campións galegos do club lucense están en case todas as categorías:  Celtia Gómez (sub-8), Uxue Poña (sub-12), Antía Santín (categoría  sub-14), Carla López (sub-16) que revalidou o título tras ser campioa galega o pasado ano,  Nerea Gallardo (sub-21), Aitor López (sub-14), Marcos Somoza (sub-16) e Carlos Jackson (sub-21). Ademais conseguiron medallas María Méndez (prata na categoría  sub-16), Erik Alvariño (prata en  sub-10), Alexandru Arhip (maior de 21 anos), Ainara Díaz (bronce en  sub-14) e Damián Folgueira (bronce  sub-10).

"O éxito é polo meu fillo, eu agora dedícome máis á xente maior", asegura. Pensa que a base para triunfar no boxeo é "aprender educación" para saír adiante neste deporte "aínda que ao final é cuestión de gañar combates". En todo caso entende que “hai que saber perder” e explica que non ten reparo en tirar a toalla se algunha ou algún dos seus deportistas non ten o día. 

O seu fillo, José Luis Álvarez, é adestrador de boxeo homologado pola Federación Galega e foi medalla de bronce campionato de España en 2009 e tamén bronce no campionato galego 2017. "É el quen ten o mérito de como está a medrar a canteira do boxeo aquí", asegura, "traballa con eles e corrixe as súas maneiras para que teñan éxito nos combates, aínda que eu tamén estou aí", engade.

Esa é a explicación que dá ao grande éxito deste ano no campionato galego. Para ‘Rocky’ a proxección do seu club vén desde 2019, ano en que tamén tiveron moi bos resultados. "Se non chega a ser pola pandemia da Covid-19 aínda estariamos mellor", admite. 

A razón de achegarse ao boxeo deportivo

Desde o Club Cidade de Lugo non teñen unha única explicación tampouco á razón pola que se achegan as rapazas e os rapaces ás súas instalacións para practicar este deporte. "Algúns din que é para estar en forma e outros para pasalo ben acompañados de amigas e amigos", conta ‘Rocky’, "despois xa vemos se poden facer algo máis, como por exemplo competir", indica. Nese momento comeza un estudo por parte dos dous adestradores para ver se hai posibilidade seria ou non de que a ou o aspirante entre nalgunha competición. O primeiro é coidar o aspecto físico correndo e con exercicios, en moitas ocasións acompañados por ‘Rocky’ ou o seu fillo.

"Estamos moi pendentes deles e despois, nun momento dado, comezamos coa práctica con luvas, indicándolles como se colocan as vendas", asegura este adestrador. É daquela cando xa se sabe "quen vale e quen non vale". Recoñece que nese intre valórase moito se teñen medo ou non para aguantar un combate como para dedicarse ao mundo profesional. "Explicámoslles todas as técnicas, como por exemplo non abrir moito as pernas para manter o equilibrio diante do rival", admite.

Logo están os combates e entra en xogo a experiencia do propio adestrador e do club se se tratan de pelexas profesionais. "Temos que valorar moito cando aceptas ou rexeitas participar", admite, "non é a primeira vez que che falan de realizar un combate con determinado peso e despois cando estás xa alí resulta que o contrincante pesa moito máis". A súa experiencia, neste caso, é fundamental. 

Comentarios