Manuel Planas: "Faremos un plan estratéxico para volver levantar o boxeo feminino"

Quizais resulte algo esaxerado, e máis cando o seu currículo reflicte cinco títulos mundiais e catro de Europa de kickboxing, pero Manuel Planas (Madrid, 1969) afronta despois de máis dunha década á fronte da Federación Galega de Boxeo o desafío máis importante da súa carreira, o da reconstrución poscovid-19.

Madrileño de nacemento e coruñés de adopción, Planas combate agora desde os despachos. (Foto: Aebox).
photo_camera Madrileño de nacemento e coruñés de adopción, Planas combate agora desde os despachos. (Foto: Aebox).

Polo primeiro que me gustaría preguntarlle é pola Confederación de Federacións Autonómicas de Boxeo (Cefab) que acaba de anunciar o seu nacemento e na que Galiza é do grupo fundacional xunto con Valencia, Catalunya, Castela e León e Baleares. Que obxectivo persegue este novo organismo? 

Non é un organismo, ollo, que non se confunda a xente. Non se trata dunha federación fóra da Federación Española de Boxeo, isto tan só é unha asociación de amigos que, ante unha pandemia que cortou moitísimo a competición e a posibilidade de que os rapaces da base poidan facer o que mais lles gusta, que é boxear, se reúnen para tratar a posibilidade de facer un calendario regular de competicións cunhas condicións mutuas determinadas. O único que queremos é recuperar o moito que perdemos, sobre todo no boxeo feminino, que é no que máis imos incidir.

Cal é o estado actual da disciplina na Galiza? Practica moita xente o boxeo?

Máis que nunca. Por que? Entre outras cousas porque cando se nos deu un carácter especial para poder adestrar, a xente lanzouse en masa a federarse, o que tamén fixo medrar os clubs. De feito, agora temos 54 clubs federados cando antes roldaríamos os 30 ou 40, e en canto ás licenzas, imos camiño das 3.000. Si que é certo, e preocúpame moito, que no eido da competición nunca baixaramos das 400 licenzas, e agora estamos en cento e pico. Falo, claro, de xente que vai boxear, con recoñecementos médicos... 

Por outra banda, o que máis baixou foi o boxeo feminino, onde tiñamos un bo nivel e caéusenos totalmente. Agora o que queda é loitalo porque parece que vai mellorando a cousa, e temos que buscar un plan estratéxico para darlle un empurrón. Doeume moito, porque vai ter que ser como volver empezar. 

Por que pensa que a pandemia golpeou con máis forza o boxeo feminino que o masculino?

Porque non está tan consolidado. O boxeo feminino leva menos tempo, debe levar practicándose tan só desde mediados da década de 2000, e a primeira velada só de mulleres na Galiza non se fixo até 2015. Agora ben, se antes tiñamos 50 mulleres boxeando, caeron 30, o que pode parecer que non, pero complica moito o atopar rapazas para competir en determinados pesos. Esta situación, que foi tan dolorosa, noteina tamén nas categorías de base, e non sei por que as rapazas abandonaron a práctica do boxeo moito máis rápido. Temos que ver como retomamos todo, porque en 2020 apenas se fixeron oito actividades en todo o ano, cando o normal serían arredor de 40. E neste 2021 levamos unha... pero que lle imos facer, non é só unha cousa nosa, senón de todo o deporte.

Entendo que a outra baixada importante que me comentaba, que é a da xente de máis alto nivel, da que compite, está ligado ao feito de que non se estean a desenvolver competicións...

Efectivamente, e é un drama que agora hai que superar. Eu sempre digo que nos tocou vivir isto, pero que afecta a todo o deporte. A xente que ten ximnasios, por exemplo, que é o meu caso... ti sabes as perdas que tivemos durante todo o ano pasado? A xente non o sabe. E cantos fecharon e xa non van volver abrir? Caeu todo dun modo que vai ser moi difícil recuperalo porque os hábitos de vida xa cambiaron, vai custar moitísimo, mais hai que botarlle valor e sacar todo para adiante entre todas.

Falando das consecuencias da  Covid-19, sobre o papel, o uso da máscara nun deporte de contacto tan explosivo como é o boxeo sóame tan incompatíbel como na natación. Como se están manexando con ese tema?

Nós non a usamos. O que facemos é gastar un diñeiral en tests. Facemos tests a todo o mundo e punto. E nos ximnasios? Grupos burbulla, a xente que adestra nas clases usa máscara e a que compite pasa tests. Nós nas competicións non tivemos ningún positivo, e logo nunha concentración tivemos un, que despois acabarían sendo tres, e nos ximnasios penso que houbo catro casos. Por sorte, no deporte federado non houbo gran cousa, claro que tamén traballamos moi duro para iso.

O último día de febreiro de 2020 informaban desde a Federación que A Coruña acollería a convención da Unión Europea de Boxeo (EBU) a finais de maio, a primeira vez que Galiza recibiría un evento enorme que integraba un congreso de médicos deportivos, de árbitros... mesmo se barallaba a posibilidade de acoller no futuro a convención anual do WBC, o máximo organismo anual deste deporte. Pódense retomar estes proxectos que se cancelaron de forma presencial agora que a situación mellora a nivel mundial?

Eu vou intentar recuperar todo o que poida. A convención de Boxeo Latino posibelmente vaia desenvolverse aquí na Coruña, en setembro, pero está todo no aire porque aínda que eu pense que a situación daquela vai ser boa, quen o sabe? Nós estamos traballando, pero iso non quita que mañá, por temas de pandemia, o liquiden. O mellor é ser precavidos. De feito, en decembro non levei xente ao Campionato de España porque me parecía unha tolemia o que fixo o presidente da Federación Española naquel contexto.

Os espectáculos de boxeo con público volven no día de hoxe

A localidade de Noia acolle hoxe o regreso do público aos combates de boxeo na Galiza por primeira vez desde o inicio da pandemia.

O Pavillón Municipal Agustín Mourís acollerá desde as 19 horas cinco combates de boxeo e dous da modalidade francesa de Savate, e o presidente da Federación Galega de Boxeo agarda que supoñan "un primeiro paso para avanzar con precaución cara a normalidade".

O escenario, "aínda que con precaución, porque todo pode cambiar nun momento", semella positivo para o boxeo, pois ao día seguinte tamén haberá combates na Coruña e no vindeiro mes de maio está previsto que se desenvolvan espectáculos en lugares como Vigo, Ferrol ou Marín.

Comentarios