Lucía Prol: "No futuro gustaríame ser adestradora da base do Emeve, porque vai chegar moi lonxe"

O Clube de Voleibol Arenal Emevé de Lugo é o único representante da Galiza na Superliga, a competición máis importante deste deporte a nivel estatal. A pesar de que a permanencia é o único obxectivo do equipo, o desempeño da receptora Lucía Prol (Lugo, 1999) xa está a chamar a atención dos grandes da competición.
Aos seus 21 anos é unha peza vital para o seu equipo. (Foto: Jose Luis Carballes).
photo_camera Aos seus 21 anos é unha peza vital para o seu equipo. (Foto: Jose Luis Carballes).

O Arenal Emevé é o único equipo galego na máxima categoría do voleibol estatal, representa iso unha presión engadida? Ou unha motivación extra, talvez?

Si, estamos realizando tamén un labor de representación da Galiza nun deporte como é o voleibol, e claro que iso supón unha motivación máis á hora de xogar que sempre temos moi presente.

Realizaron un espectacular comezo de tempada, pero actualmente levan desde o 14 de novembro sen coñecer a vitoria, cando derrotaron na súa casa a FC Cartagena Algar Superior. A que se debe tanto tempo sen gañar?

Durante a tempada contamos cunha serie de partidos chave que temos que gañar, e logo hai outros ante os que non é que non saiamos coa intención de gañalos, pero que son contra rivais superiores, tal e como aconteceu na fin de semana que xogamos contra Sanaya Libby, La Laguna e CV CCO 7 Palmas nas Illas Canarias. E aínda así, roubamos un punto que vai ser moi importante de cara á permanencia. Por que acontece isto? Resulta difícil de explicar, pero o que si que está claro é que estamos cada vez mellor e que temos por diante unha serie de encontros que van ser moi importantes e dos que teño claro que podemos levarnos os tres puntos de cada un deles.  

Pese a todo, están a só tres puntos da novena posición e cinco da sétima. É posíbel realizar unha lectura optimista cando ocupan a décimo primeira e penúltima posición? 

Si. O máis importante para conseguir a permanencia será ir co pensamento de que somos quen de gañar cada partido, loitando con confianza en todos e cada un deles e sen ter medo ningún, pero para iso temos que crer que é posíbel. Estes encontros que temos por diante son contra rivais como Madrid Chamberí e Kiele, e hai que conseguir gañalos si ou si.

Individualmente está a ser unha das receptoras máis destacadas do torneo, chegando a estar incluída no mellor once da xornada en varias ocasións, e máis que deberían ser, como na última antes das vacacións de Nadal, na que a pesar de ser a mellor atacante, a máxima anotadora e a segunda mellor sacadora, non foi incluída no ‘Sete ideal’. Está satisfeita co seu rendemento?

Si [ri]. Veño notando bastante melloría ultimamente. O nivel da Superliga tamén axuda a medrar como xogadora, e creo que si que pouco a pouco vou estando cada vez mellor, e a ver se sigo nesta liña nos partidos que quedan. Adestrando duro penso que vai ser posíbel.

Acumula recoñecementos individuais, así como ascensos e campionatos en distintas categorías coas seleccións galega e española. Ese crecemento obriga a que o seu futuro pase por estar lonxe de Lugo?

Agora mesmo non sei que facer coa miña vida [ri], pero si que me gustaría probar outras cousas, outras experiencias, saír de Lugo... aínda que aquí estou moi a gusto, e coas circunstancias nas que está todo no mundo nunca se sabe que vai pasar.

Xa que saca o tema do coronavirus, como está vivindo, como lles está a afectar, a nivel persoal e deportivo, toda a crise creada pola pandemia da Covid-19?

Afortunadamente nós como equipo imos zafando, polo de agora, e puidemos disputar todos os partidos sen problema ningún, salvo un no que o outro equipo tivo positivos e non puido xogar, pero xa o recuperamos hai un par de semanas. A cousa é coller o hábito, o ritmo, pero si que é todo unha leria, moi diferente ao que era antes, e a nivel de cabeza acaba cansando un pouco, pero hai que tomalo con calma. Tamén se nota a cuestión do público, que aquí na cidade de Lugo nun principio só podían asistir aos partidos como 30 persoas máximo, pero logo aumentaron o número e estivo todo moito mellor, porque se nota a súa presenza, e máis en comparación con outras pistas nas que xogamos, onde non está autorizada a xente nas bancadas.

Vostede é unha xogadora da canteira, formada na casa, e toda unha veterana, como xa a definen nas crónicas dos vosos partidos, a pesar desa xuventude da que falabamos con anterioridade. Como ve os novos valores que veñen de abaixo, da escola do Clube Voleibol Emeve?

Este é un conxunto no que se está a traballar moi ben coa base, van seguir saíndo xogadoras e xogadores moi bos, e de feito no futuro gustaríame ser adestradora da base, porque vai chegar moi lonxe. 

Comentarios