Reaccións diversas á prohibición da Xunta do deporte federado galego

Críticas á improvisación e ás incertezas da norma
José Ramón Lete Lasa ocupa o cargo de secretario xeral para o Deporte desde 2018. (Foto: Deporte Galego).
photo_camera José Ramón Lete Lasa ocupa o cargo de secretario xeral para o Deporte desde 2018. (Foto: Deporte Galego).

O Diario Oficial da Galiza (DOG) do día de hoxe oficializou as medidas avanzadas na comparecencia do conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña. Xa que logo, quedan suspendidas sine die "as competicións deportivas de ámbito autonómico", tal e como sinala o DOG, e os adestramentos terán que desenvolverse de modo "individual, ou colectivo con máximo de catro persoas sen contacto físico".

Ademais, as deportistas federadas deixan de estar exentas do toque de recoller, polo que terán que adaptar os seus horarios á devandita restrición.

Esta medida chega apenas dez días despois de que a Xunta da Galiza e a Unión de Federacións Deportivas Galegas (Ufedega) lanzasen a campaña #ForteCoDeporte, coa que, afirmaban, pretendían "impulsar a práctica deportiva federada durante a situación de pandemia".

Nós Diario púxose en contacto coa Secretaría Xeral para o Deporte coa finalidade de solicitar unha valoración destas medidas tan duras, máis polo de agora desde o departamento dirixido por José Ramón Lete Lasa non realizarán ningunha valoración.

Quen si reaccionaron foron as distintas federacións deportivas do país, sendo a máis interesante a de atletismo, que revelou que a Secretaría Xeral para o Deporte confirmou que "está a traballar na elaboración dunha guía con todas aquelas casuísticas que poidan servir para despexar todas estas dúbidas".

Estas contradicións e incertezas foron criticadas por deportistas como o velocista Adrián Ben, quen compartiu nas súas redes sociais un chío do adestrador galego Óscar Fernández.

No mesmo reivindicaba que o deporte causa "só 0,5% dos casos" e que esta medida levará a un repunte "cando agora a mocidade se xunte cos amigos ou vaian aos centros comerciais".

Comentarios