A Liga Máster de Fútbol Gaélico estrearase este sábado na Estrada

O novo torneo está dirixido ás maiores de 35 anos.
A proba reunirá catro equipos de fútbol gaélico. (Foto: Fillos de Breogán).
photo_camera A proba reunirá catro equipos de fútbol gaélico. (Foto: Fillos de Breogán).

O fútbol gaélico, o único deporte no que a Galiza pode competir como país oficial e internacionalmente, continúa medrando e ampliando fronteiras, boa mostra do cal é o nacemento esta fin de semana da I Liga Máster de Fútbol Gaélico.

Trátase dunha nova competición, aberta só a persoas maiores de 35 anos, estean ou non federadas, xa que ambos grupos contarán cun seguro que os cubra durante o curso do torneo.

Nesta edición inaugural participarán catro equipos: Irmandinhos da Estrada, Fillos de Breogán da Coruña, Turonia de Gondomar e Keltoi Vigo. Todos colidirán para facerse co primeiro posto ao longo de tres voltas nunha competición da regularidade que levará quen teña máis puntos ao final da mesma.

Con respecto ao calendario, a acción comezará tan cedo como este sábado, 27 de xaneiro, no campo Manuel Regueiro da Estrada en horario matinal.

"O obxectivo é que a xente que xa non se atopa como para competir regularmente poida seguir vencellado ao seu club e ao seu deporte, ou que incluso serva como iniciación para alguén desa idade que sinta curiosidade por probar o deporte", sinalan desde a Asociación Galega de Fútbol Gaélico (AGFG).

A inscrición a novos equipos para as outras dúas xornadas, resaltan desde a AGFG, previstas en Ourense o 24 de febreiro e en Vigo o 2 de marzo, "aínda permanece aberta".

Comentarios