O Rácing de Ferrol fecha as fichaxes de Sabin Merino e Álvaro Giménez

Reforzos para a liña ofensiva do único conxunto galego da Segunda División.
Sabin Merino xa coñece a Galiza, pois xogou no Dépor na tempada 2019-20. (Foto: RC Deportivo).
photo_camera Sabin Merino xa coñece a Galiza, pois xogou no Dépor na tempada 2019-20. (Foto: RC Deportivo).

25 de xullo de novidades no único representante da Galiza na Segunda División.

O Rácing de Ferrol non oficializou unha, senón dúas incorporacións na xornada de onte: Sabin Merino e Álvaro Giménez.

O primeiro é un vello coñecido da afección galega, pois militara no Real Club Deportivo da Coruña na tempada 2019/20, na que o conxunto herculino descendeu a Segunda B.

Atacante de gran envergadura (1,87 metros de altura), chega á cidade departamental en calidade de cedido desde o Real Zaragoza, aínda que a súa última experiencia foi no Atlético de San Luís dunha das competicións de moda, a mexicana, onde anotou dous goles en 23 partidos.

Anteriormente militou en Leganés -11 tantos en 65 encontros-, a antedita breve etapa en Riazor -cinco goles en 18 xogos- e seis anos no seu club de formación, o Athletic de Bilbao.

A súa segunda incorporación da xornada foi outro dianteiro, Álvaro Giménez, quen, a diferenza de Merino, arriba en Ferrol en propiedade.

Xogador de vasta experiencia, durante a última campaña non contou coa confianza de Sergio González no Cádiz de Primeira División, disputando tan só 16 minutos en toda a Liga. Non obstante, e a pesar da súa veteranía (32 anos), o de Elxe aspira a retornar ás súas cifras anotadoras de hai catro tempadas, cando foi o máximo goleador da Segunda División.

Reforzo para a medular de Imanol Idiakez

Outro xogador experimentado é a última fichaxe do Dépor, José Ángel. Aos seus 31 anos, este futbolista de segunda xeración -o seu pai é un histórico do fútbol andaluz, Federico Jurado- é todo un trotamundos, chegando a xogar mesmo nas ligas de Moldavia, Noruega e os Emiratos Árabes Unidos, así como na Segunda e a Segunda B españolas.

Comentarios