O Cangas colidirá co Barça na Copa do Rei de balonmán

A escuadra galega reta o vixente campión.
O Frigoríficos non depende de si mesmo.  (Foto: BM Cangas).
photo_camera Santi López será un dos líderes do Frigoríficos fronte os cataláns. (Foto: BM Cangas).

A Real Federación Española de Balonmán (RFEB) levou a cabo esta segunda feira o sorteo da XLIX edición da Copa do Rei no Centro Cultural Baños Árabes-Pazo de Villardompardo, en Xaén, localidade que acollerá desde o 31 de maio e até o 2 de xuño un torneo do KO que se desenvolverá integramente no Pazo de Deportes Olivo Arena.

As mans inocentes encargadas de sacar as bolas do bombo foron as de África Colomo, deputada de Cultura e Deportes; José María Álvarez, concelleiro de deportes local; José Ayala, delegado territorial de Cultura, Turismo e Deporte da Xunta de Andalucía; Sebastián Fernández, presidente da Federación Andaluza de Balonmán; e as do seu homólogo na Estatal, Francisco Blásquez.

Non foron, desde logo, boas co único representante da Galiza, o Cangas Frigoríficos do Morrazo, pois determinaron que colida nos cuartos de final co todopoderoso Fútbol Club Barcelona.

Vixente campión copeiro, chegará á competición tamén como novo gañador da Liga Asobal e xa clasificado para a 'Final Four' da TruckScout24 EHF, méritos que lle outorgan a condición de claro favorito nun duelo galego-catalán programado o 31 de maio, mais nun horario aínda por determinar.  

É un desafío de extraordinaria magnitude o que deberá afrontar na fase final da Copa do Rei, algo do que son perfectamente conscientes en Cangas. "Se hai unha competición na que é complicado xogar contra o Barça é esta", declarou Nacho Moyano, adestrador do Frigoríficos do Morrazo.

Porén, a mera presenza do seu equipo entre os oito mellores xa é "un premio para el", aínda sendo consciente de que o conxunto blaugrana sempre sae a xogar "co coitelo entre os dentes". "Foi un ano complexo para nós, e sabendo que é un partido difícil, non temos nada que perder", engadiu. 

Na mesma liña, un dos seus pupilos, Santi López, reivindicaba que para o cadro de xogadores a Copa é "o torneo da ilusión", o que queren disputar, porque representa "un oasis dentro da tensión da tempada".

Ademais, xunto co primeiro equipo masculino, o Pizzería Baratto Cangas será parte da Minicopa de España da categoría cadete, que se levará a cabo de forma paralela á Copa do Rei e onde colidirá con Torrelavega, Cuenca e Barcelona.

Máis en DEPORTES
Comentarios