Fútbol

Resistencia Celtista, o colectivo que aspira a depor o presidente Mouriño

Un grupo de seareiros e seareiras, cuxa identidade aínda non transcendeu, carga duramente contra a xestión do mandatario máis lonxevo do Real Club Celta, quen cren que "é e será un perigo" para a entidade. Avanzan tamén a súa "firme intención" de mercar as accións precisas para tomar o control dun clube que en pouco máis dun mes será centenario.
O presidente do clube vigués, Carlos Mouriño. (Foto: RC Celta)
photo_camera O presidente do clube vigués, Carlos Mouriño. (Foto: RC Celta)

O Real Club Celta de Vigo disputará na noite desta segunda feira o seu primeiro compromiso de pretempada ante o Al-Nassr saudita no que milita Cristiano Ronaldo, enmarcado nun Troféu do Algarve que completa o Benfica. Con todo, a actualidade celeste non se limita ao partido sobre o verde do Estadio Algarve, que suporá tamén a estrea de Rafa Benítez como preparador e o comezo da décimo sétima tempada de Carlos Mouriño á fronte do Celta. Porque o presidente, precisamente, é o gran protagonista dun comunicado que vén de remitir aos medios Resistencia Celtista, unha agrupación de seareiras que considera que o empresario é "un perigo para o celtismo".

A plataforma anunciou no mesmo texto a súa "firme intención" de mercar as acción en mans de Mouriño para "dotar o Real Club Celta dun proxecto onde o equilibrio entre o económico e o deportivo deixe de ser unha quimera", ademais de esixirlle ao mandatario "a devolución de parte do paquete accionarial á súa masa social". Resistencia Celeste traza no seu manifesto un completo percorrido pola traxectoria do vigués á fronte da entidade olívica, lembrando a súa "incumprida promesa de gañar títulos" e acusándoo de "incrementar considerabelmente" a débeda da institución durante os seus primeiros anos de mandato, nunha xestión que cualifican de "neglixente" e que sumiu o club do sur da Galiza no seo da administración concursal.

Sobre a delicada situación económica que atravesaba a entidade, lembran que Mouriño adquiriu a maioría accionarial en 2006, logo de pertencer ao Consello de Administración do seu predecesor, Horacio Gómez, "e, en consecuencia, coñecía perfectamente a situación financeira á que se enfrontaba", afirman. "En dous anos e medio con Carlos Mouriño Atanes ao mando o Real Club Celta incorporou ás súas filas 30 futbolistas e seis adestradores, chegando a ter dez estranxeiros no plantel, o que supuña 43,5% do mesmo durante a súa 'decidida aposta pola canteira'", engade o colectivo.

O "máis grave" para Resistencia Celtista é que "Carlos Mouriño, a través da súa empresa Grupo Corporativo Ges S.L., fíxose co 24% das accións de Abanca por un importe de 5,5 millóns de euros no ano 2014 e pasou a controlar 51,2% dos títulos do clube", unha acción que "non sería puníbel se antes non contribuíse ao endebedamento do Celta".

Consideran así que o presidente "debería repor o que dilapidou, bastante máis de 5,5 millóns de euros, restabelecer o prezo nominativo de 60 euros por acción no canto dos 10 euros que valen na actualidade tras a súa manobra para deprecialas en 2009 e, por último, devolvelas á masa social do clube, xa que foi rescatado cos aforros que os cidadadáns tiñan en Caixanova —hoxe Abanca—".

"Conseguiu sublevar os comuneiros de Tameiga cunha manobra totalmente ilegal referendada polo Tribunal Superior de Xustiza da Galiza tras tentar algo parecido décadas atrás en Nigrán, sempre ligado ao mesmo partido [PP], ao que lle cede A Sede para facer os seus mitins. E para colmo aparece co proxecto Galicia Sports 360, que ninguén entende se non é para dar outro pelotazo e tentar regularizar o desfalco de Mos ao amparo do subterfuxio de 'proxecto de interese autonómico'", prosegue o comunicado.

As persoas que subscriben o texto, cuxa identidade se descoñece, cren que Mouriño "é e será un perigo" para a entidade, que tornará en centenaria o vindeiro 23 de agosto, e avanzan a súa "firme intención" de mercar o resto das súas accións para "dotar o Real Club Celta dun proxecto onde o equilibrio entre o económico e o deportivo deixe de ser unha quimera".

Comentarios