Fútbol | 1ª RFEF

As seis chaves do liderado do Deportivo

Por que o Dépor pasou do décimo ao primeiro posto en menos de tres meses?
Lucas Pérez, que por fin exerce como ese xogador diferencial na categoría, participou directamente en 55,6% dos goles branquiazuis. (Foto: RC Deportivo).
photo_camera Lucas Pérez, que por fin exerce como ese xogador diferencial na categoría, participou directamente en 55,6% dos goles branquiazuis. (Foto: RC Deportivo).

O Dépor impúxose o pasado domingo no derbi galego en Riazor fronte o Club Deportivo Lugo (4-1), obtendo así a súa sétima vitoria consecutiva e accedendo ao liderado por vez primeira no que vai de tempada 2023/24. 

A resurrección branquiazul, que hai menos de tres meses ocupaba o posto 10 na clasificación, ten seis chaves fundamentais, sendo a primeira delas, como na de Lázaro de Betania, a fe. Porque o feito de aguantar Idiakez no cargo despois dos resultados que viña apañando o preparador vasco, e con boa parte da afección esixindo a súa destitución, transcendeu os límites da paciencia humana para, canto menos, bordear os da convicción relixiosa.

Esa confianza cega en Idiakez conferiulle ao donostiarra a valentía suficiente para apostar no '11' inicial pola descarada xuventude de Yeremay (21) e Mella (18). O seu talento, potencia e velocidade son un pesadelo para as defensas rivais, e a súa irrupción multiplicou o abano de opcións en ataque do Dépor.

Nesa zona do campo notouse, e moito, a volta á acción de Iván Martínez Gonzálvez, Barbero, que regresou cunha derrota fronte á Cultural Leonesa o 14 de xaneiro após deixar atrás catro meses de inactividade por unha lesión no menisco. Desde entón, o Dépor conta os seus partidos por vitorias, e o ex de Osasuna e Almería leva xa cinco goles.

Máis aínda suma un Lucas Pérez liberado de responsabilidades defensivas e con maiores posibilidades combinativas grazas aos anteriormente mencionados, e que por fin exerce como ese xogador diferencial na categoría que prometía ser desde o seu regreso na Noitevella de 2022, marcando seis tantos e repartindo oito asistencias desde o pasado 31 de xaneiro.

Pero non só de ataque vive este 'novo' Deportivo -pese a marcar catro goles por partido de media nos seus últimos cinco compromisos-, pois tamén exhibe unha solidez defensiva coa que non contaba desde hai anos, brillando un Germán Parreño consolidado na portería desde a saída pola porta de atrás de Mackay.

E, por suposto, last but not least, está a afección branquiazul, que volveu demostrar o seu apoio ao equipo rachando co récord de asistencia da Primeira RFEF xuntando 28.112 persoas ante o Lugo.

Dous anos sen durmir no máis alto

O 20 de xullo de 2020 o Real Club Deportivo descendía inmerso no escándalo coñecido como 'Caso Fuenlabrada' -os madrileños presentáronse na Coruña para disputar o derradeiro encontro da tempada con casos positivos de Covid, levando á suspensión do xogo, o que no marco dunha xornada unificada supuxo un adulteramento da competición- e regresaba á terceira categoría 40 anos despois.

O que nun inicio semellaba que ía ser non máis que "un aniño no Inferno" -empregando a terminoloxía da lendaria campaña publicitaria elaborada polo Atlético de Madrid cando baixou a Segunda no 2000-, dada a teórica superioridade do Dépor a todos os niveis con respecto aos seus rivais, derivou nunha travesía do deserto que se estende até a actualidade.

O rendemento branquiazul foi tan irregular que ese liderado ao que accedeu o domingo non o ocupaba desde hai exactamente dous anos e un mes. Foi o 6 de febreiro de 2022 cando, logo dun tropezo co Irún, abandonaba unha cabeza da táboa que, por fin, vén de recuperar. 

Comentarios