Xustiza

Jorge Vilda nega coaccións sobre Jennifer Hermoso

O que lle trasladou a un familiar da futbolista, dixo en sede xudicial, é que talvez o mellor sería que a propia Jenni "saíse en público a contar a súa propia versión do sucedido" para tratar de "baixar o suflé".
Jorge Vilda (no centro), esta terza feira, antes da súa comparecencia. (Foto: Europa Press)
photo_camera Jorge Vilda (no centro), esta terza feira, antes da súa comparecencia. (Foto: Europa Press)

O ex seleccionador estatal de fútbol, Jorge Vilda, negou esta terza feira ante o xuíz da Audiencia Nacional que coaccionase a contorna da futbolista Jennifer Hermoso por mor do bico non consentido que o ex presidente da Real Federación Española de Fútbol (RFEF), Luis Rubiales, propinou á xogadora na entrega de trofeos do Mundial en Australia.
Fontes xurídicas confirmaron que Vilda negou, a preguntas da fiscal Marta Durántez, que recibise instrucións ou que presionase o irmán da xogadora, aínda que si que recoñeceu que se achegou para falar con el no avión de volta do torneo.

O agora desempregado preparador asegurou en sede xudicial que non presenciou o incidente, pero si que notou un cambio de ambiente do campo ao avión, onde a situación se "enrareceu". Ese feito, sumado ao "agarimo" que garda á xogadora, foi a "razón" pola cal decidiu achegarse ao irmán de Hermoso.

Vilda explicou ante o maxistrado da Audiencia Nacional que o que lle trasladou ao familiar da futbolista é que talvez o mellor sería que a propia Jenni "saíse en público a contar a súa propia versión do sucedido" para tratar de "baixar o suflé".

As fontes presentes na declaración indican que o interrogatorio da Fiscalía a Vilda foi "especialmente tenso", sobre todo cando se pediu ao técnico que contestase "de forma máis directa" ás preguntas.

O director de Márketing da RFEF mercaba bikinis

Pola súa parte, o director de márketing da RFEF, Rubén Rivera, tamén negou que participara nas coaccións que investiga o titular do Xulgado Central de Instrución Número 1, Francisco de Jorge. Rivera, que se trasladou a Ibiza -onde as xogadoras celebraron a consecución do Mundial-, afirmou que o seu traballo era "trasladar a información da RFEF ás propias futbolistas".

Nas súas palabras, a súa misión na illa era a de ser unha especie de "recadeiro cualificado" que se limitaba a realizar xestión como "comprar bikinis, roupa de verán ou boletos para discotecas".

A maiores, un programa de televisión filtrou a declaración ante a Fiscalía da vítima, Hermoso, quen confirmou que o bico "non foi consentido", que non se sentiu "respectada como persoa" e que o comunicado no que exculpaba a Rubiales non contaba con "ningunha palabra" pronunciada por ela.

Comentarios