Xustiza

A declaración de Jennifer Hermoso ante a Fiscalía: "Non me sentín respectada como persoa"

A futbolista reiterou en sede xudicial que o bico que lle propinou Luis Rubiales non foi consentido e que sufriu moitas presións desde a RFEF para quitar ferro ao sucedido após a final do Mundial.
Jennifer Hermoso, á súa chegada a Eivissa coa selección española. (Foto: Francisco Guerra / Europa Press)
photo_camera Jennifer Hermoso, á súa chegada a Eivissa coa selección española. (Foto: Francisco Guerra / Europa Press)

A futbolista Jennifer Hermoso declarou en sede xudicial —no marco da causa aberta pola presunta agresión sexual de Luis Rubiales—, a preguntas da Fiscalía, que o bico que lle propinou o ex presidente da Real Federación Española de Fútbol (RFEF) non foi consentido, e que nese momento non se sentiu "respectada" como persoa e futbolista. "Estaban a someterme a algo que eu en ningún momento busquei, nin fixen para atoparme con esa situación", defendeu. Na súa intervención, adiantada polo programa Código 10 de Telecinco, a xogadora narrou o momento no que recibiu o bico despois de a seleccións española gañase o Mundial. Segundo o seu relato, abrazouse con Rubiales e afirmou: "A que liamos!". Despois, el deu un brinco sobre ela e dixo: "Este Mundial gañámolo grazas a ti".

"O seguinte xa foron as súas mans na miña cabeza, e xa aí non escoitei nada máis. Vinme co bico na boca e xa directamente baixei á tarima coas miñas compañeiras", rememorou Hermoso, a preguntas da fiscal da Audiencia Nacional Marta Durántez. "Non o esperaba", engadiu a deportista. Neste punto, lembrou que a vitoria no Mundial foi un "feito histórico" que custou "a vida" conseguir. "En ningún momento podía esperar que pasase ao final algo así [...] Nunha persoa de confianza creo que ninguén esperaría que ía usar ese momento para facer algo así, por moi espontáneo que fose", reprochou Hermoso, que tamén explicou que cando baixou da tarima contou o sucedido con Rubiales ás súas compañeiras Alexia Putellas e Irene Paredes.

Cuestionada expresamente por se o bico foi consentido e se sentiu violentada ou violada, Hermoso respondeu que si: "Claramente, sentinme non respectada. Nese momento non se me respectou en ningún momento, nin como xogadora nin como persoa, estaba a vivir algo que era histórico", apostilou. Segundo o seu relato, unha vez que as campioas estaban no vestiario entrou a directora deportiva da selección, Ana Álvarez, que lle dixo que o presidente a necesitaba, polo que saíu á porta e Rubiales insistiu que se estaba a falar "moito" do bico e tentou explicarlle "outra vez" a acción.

Acto seguido, Rubiales e Hermoso entraron no vestiario das futbolistas e "desviou un pouco o tema" anunciando que tiñan unha viaxe paga a Eivissa (Balears) por gañar o Mundial. "Aí eu creo que xa estaba un pouco nervioso e, claro, eu estaba á beira del e todo o tempo collíame", explicou, para logo engadir: "Agarrábame así do ombreiro e xa empezou a dicir que tiñamos unha viaxe paga a Eivissa, e a xente empezou a berrar e a seguir celebrando".

Segundo Hermoso, dentro do vestiario as futbolistas non eran conscientes até que viron a imaxe do que estaba a pasar, polo que cando lle pediron que saíse do vestiario ela xa imaxinaba de que lle ían, falar e empezou a sentirse "un pouco incómoda". "E vendo que algo máis grave estaba a pasar, que o que sucedera non era algo moi normal", manifestou.

Xa no autobús, o equipo de Rubiales ordenou a Hermoso que baixase, momento no que a xefa de prensa da RFEF, Patricia Pérez, lle mostrou un comunicado para frear a polémica do bico e "quitar ferro ao asunto". "Eu dixen: 'Facede o que queirades'", desvelou Hermoso, quen tamén confesou que o texto que se escribiu no seu nome non contaba con ningunha palabra pronunciada por ela. Ante isto, a fiscal insistiu en se se sentiu coaccionada, ao que a xogadora contestou que si: "Estaba sentindo como que estaba obrigada a facer algo", engadiu.

Hermoso continuou coa súa exposición ante as preguntas da fiscal sinalando que no avión Rubiales quixo falar con ela. El pediulle, segundo a xogadora, que tiña que axudalo pola polémica suscitada por mor do bico. "Sentinme moi incómoda", recalcou, á vez que contou que o ex presidente da Federación reclamou que saísen os dous nun vídeo para resolver o asunto.

Ante a súa negativa, Rubiales insistiu. "Tes que facelo polas miñas dúas fillas, que están chorando", expresou segundo a versión da xogadora, que volveu sentirse coaccionada polo seu superior. Nese momento, unha compañeira da selección coméntalle que o agora ex seleccionador Jorge Vilda estaba a tentar contactar coa súa familia para que a convencesen a ela de que tiña que falar e restar importancia ao bico.

Comentarios