Joe Cleverley, maratoniano: "Aprender galego foi unha cuestión de respecto"

O nome de Joe Cleverley (Manchester, 1985) pode que non sexa o máis coñecido entre o gran público, pero agocha unha historia de superación na que á súa introdución tardía nun deporte tan duro como o maratón engade o feito de ser un namorado da Galiza que presume con orgullo, ademais, 
de falar galego.
Profesor e deportista Joe Cleverley é un apaixonado da Galiza. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Profesor e deportista Joe Cleverley é un apaixonado da Galiza. (Foto: Nós Diario)

—Vostede, filólogo hispánico, chega á Galiza tras unha estadía dun ano na Arxentina para exercer de lector na Universidade de Santiago de Compostela (USC). Sabía nese momento, arredor do ano 2007, que aquí se tiña unha lingua e unha cultura propias, ou descubriuno logo da súa chegada?

Estando xa aquí. Encántame o fútbol, e coñecía os principais equipos, o Dépor, o Celta... pero pouco máis alén de que a Galiza era unha zona preciosa con moito mar. Claro que tamén sabía que se fala galego, ademais do castelán, pero apenas nada sobre a cultura, os costumes ou a historia.

—Non obstante, rematou por namorarse da Galiza. Que foi o que máis lle gustou?

Un pouco de todo, pois vivir aquí foi unha experiencia inesquecíbel, estando inmerso na cultura, falando coa xente todos os días, as cousas sinxelas... porque a vida aquí é moi diferente á de Inglaterra, até nas pequenas cousas, como entrar nun bar a tomar un café.. para min todo era algo moi especial.

—Incluso aprendeu galego no seu par de anos aquí, algo que moitos deportistas que levan toda unha vida no país non chegaron a facer...

Eu teño moita sorte, porque onde estudei, na Universidade de Liverpool, a Facultade de Filoloxía Hispánica tiña unha serie de lazos coa USC, e por iso conseguín o meu traballo aquí na Galiza. Cando cheguei tiven que facer un curso de galego, e nun principio pensei "buf, vas ter que aprender outro idioma...", pero encantoume a experiencia de aprender unha nova lingua.

Sempre digo que os idiomas abren portas, permiten experimentar outras cousas, e poder falar galego, ademais de castelán, deume a oportunidade de coñecer máis xente, de facer turismo pola Galiza, pois fóra das grandes cidades hai que falar galego, porque a xente fala contigo en galego. E mesmo nas cidades tamén! Eu ía todos os días ao Mercado de Abastos, en Compostela, e as persoas que venden alí falaban galego comigo. Para vivir aquí foi moi importante aprender galego, algo que penso tamén é unha cuestión de respecto, pois tes que aprender o idioma que se fala no sitio onde vives. 

—Xa situando o foco no eido deportivo, vostede é corredor de maratóns. Como empezou a súa paixón por esa modalidade?

Como para tanta xente, comecei a correr para manterme en forma. Sendo profesor, axúdame moito co estrés do traballo, e sempre madrugo para correr cinco ou dez quilómetros, o que fai que me sinta de marabilla comigo mesmo. Iso sería hai oito anos, pero hai cinco reparei en que ía mellorando de verdade.

—Foi nese momento cando pensou que tiña capacidade para chegar moito máis lonxe?

Si. Un amigo convidoume de casualidade a participar nunha carreira de 10 quilómetros en 2017 e dixen que si. Nese momento non sabía si era bo ou non, porque non corría competitivamente, así que fun probar e corrín eses 10 quilómetros en 40 minutos, un bo tempo. Pouco despois, tamén de casualidade, coñecín uns rapaces que forman parte dun club de atletismo no meu mesmo barrio e dixéronme de unirme ao seu club de atletismo, e agora corro con moitas persoas, bos amigos, que coñecín grazas ao deporte. Cinco anos despois, estou moi tranquilo, pois adoro correr, representa unha sensación incríbel para min, e a oportunidade de viaxar, coñecer xente e ver paisaxes preciosas cos meus propios ollos, gústame tanto que en ocasións doume de conta de que nin estou canso do moito que gozo (ri).

O soño de correr no maratón da Coruña

O primeiro maratón de Joe Cleverley chegou despois de acumular experiencia na media maratón: "Nese formato víame ben, pero non sabía se estaba capacitado xa non para aguantar os 42 quilómetros, senón para soportar todo o esforzo que esixe en forma de disciplina, sacrificio, alimentación... pero decidinme a correr o maratón da miña cidade, Manchester, e a pesar de que pasei uns últimos 10 quilómetros moi difíciles, que paguei no tempo (3 horas e 6 minutos), serviume para ser consciente de que podía chegar moito máis lonxe".

Joe recoñece que o de correr maratóns "é como unha droga", pois, a pesar da pandemia e da súa tardía introdución na modalidade, xa leva cinco, baixando o seu rexistro orixinal no maratón de Manchester a 2 horas e 48 minutos. O seu soño é "correr as grandes probas internacionais, como Nova Iorque, París... e, por suposto, por que non, o da Coruña".

Comentarios