Javi Díaz, o mito do balonmán galego, prepara o último baile na súa casa aos 48 anos

O incombustíbel porteiro, segundo xogador con máis partidos na historia da Liga Asobal, retorna ao Atlético Novás do seu Rosal natal.
Javi Díaz defendeu as cinco últimas campañas a portaría do Gatañal. (Foto: BM Cangas)
photo_camera Javi Díaz defendeu as cinco últimas campañas a portaría do Gatañal. (Foto: BM Cangas)

Nada menos que 23 tempadas e 650 partidos despois, unha lenda do balonmán galego despídese da elite. Javi Díaz, o incombustíbel porteiro do Balonmán Cangas, despediu o pasado domingo a tempada, e de paso, a Liga Asobal cun triunfo ante o Málaga no pavillón do Gatañal que certificou a permanencia do conxunto morracense. Foi un final inmellorábel a unha traxectoria que o xogador natural do Rosal iniciou en 1993 da man do extinto Octavio vigués.

Díaz marcha de Cangas cinco anos despois, logo de defender as cores de Atlético Valladolid, Villa de Aranda, BM Cantabria, SD Teucro, SD Chapela e o xa citado Academia Octavio, e pasando a formar historia da elite do balonmán estatal cunha marca de aparicións nos terreos de xogo só superada por José Javier Hombrados, que se retirou en 2021 (767).

Aos seus 48 anos, porén, non ten pensado abandonar as portarías... polo de agora. A vindeira tempada cambiará de categoría para vestir a camiseta do Atlético Novás da súa vila natal, un equipo que no curso que vén de rematar ficou ás portas de pelexar polo ascenso á Liga Asobal. Como Michael Jordan cando voltou aos Chicago Bulls para un último baile —The last dance—, Díaz darao todo no pavillón do Rosal.

"Era unha cousa que tiña aí gardada, unha decisión moi dura. Se fose pola cabeza, quedaba aquí, mais o corazón dime outra cousa. Esta foi a útima tempada en Asobal, foron bastantes, e tivo un final espléndido. Vin para cambiar o que tiña enriba, pois xogara no Octavio, o Teucro e o Chapela e aquí non era moi querido. Marchar con este cariño... levo Cangas no corazón, para sempre", dixo após o encontro fronte ao Málaga, anticipando o seu adeus.

No Rosal espera pór o broche de ouro a unha dilatada e exitosa traxectoria profesional no deporte que máis gozou desde cativo. E farao na súa casa, coa súa xente. Este sábado, a partir das 20 horas, será presentado ante a afección rosaleira.

"Volta Javi, volta o 'rubio' convertido en mito tras pasar por Academia Octavio, Chapela, SD Teucro, Teka Cantabria, OAR Coruña, Villa de Aranda, Atlético Valladolid e Frigorificos do Morrazo Cangas. Tras marchar con 16 anos, un das figuras máis destacadas do balonmán galego e estatal decide voltar a sua terra aos 48 anos para tocar ás últimas pezas da sua espectacular carreira. Benvido á túa casa, é un orgullo voltar a terte entre nos. Contando os días para verte en acción", celebraron desde o clube.

Comentarios