Iván Picallo e Manuel Trevín loitarán polo título no Slalom de Moeche

A cita automobilística ferrolterrá reunirá 65 equipos.
O Slalom na edición 2022 (Foto: FGA).
photo_camera O Slalom na edición 2022 (Foto: FGA).

O Campionato Galego de Slalom afronta este sábado 15 de xullo a súa cuarta proba puntuábel: o Slalom de Moeche (comarca de Ferrolterra). A cita automobilística suma esta tempada oito anos e xa é un clásico do calendario galego. 

Á proba chegan en moi boas condicións, e loitando polo título, os pilotos Iván Picallo e Manuel Trevín. No que se leva de campionato o balance é de dúas vitorias para o primeiro e unha soa para o segundo. No caso de Picallo terá a vantaxe de competir na casa, nun circuíto que coñece ben.

Porén, Trevín (Automóbil Club As Pontes) non ten intención de facilitarlle a vitoria.

Desde a Escudaría Moeche, organizadora do evento deportivo,  informaron que a lista de inscricións contará con nada menos que 65 equipos na que están, ademais dos dous favoritos, un gran número de pilotos con opcións firmes de poder puntuar esta fin de semana.

Tamén participarán os principais candidatos aos triunfos nas categorías de iniciación e debutantes, na que xa se viron grandes resultados nas anteriores probas realizadas en Monterroso (A Ulloa), Guitiriz (Terra Chá) e As Pontes (Eume).

Posíbeis protagonistas

No Slalom de Moeche, ademais, estarán presentes pilotos que ben poden chegar ao podio.

É o caso de Aitor Fornos (Automóbil Club As Pontes), Miguel Ángel Cela (Escudaría Ferrol), Aitor Coto (Sarria Motor), ou a representación da Escudaría Moeche: David Puente, Damián Pena e María José Chao.

A proba ten previsto o seu inicio ás 09.30 horas da mañá coa primeira das mangas de adestramento, para facer, xusto a continuación e despois dunha pequena parada de parque de traballo entre pasadas, a segunda manga de adestramentos e as dúas oficiais.

Comentarios