O ecuador do campionato galego de rallys dispútase no Sur do Condado

Víctor Senra e David Vázquez chegan como líderes á cita na comarca do Condado.
Víctor Senra co Citroën C3 (Foto: FGA).
photo_camera Víctor Senra co Citroën C3 (Foto: FGA).

O Campionato Galego de Rallys chega ao seu ecuador esta mesma fin de semana coa realización da XIX edición do Rally Sur do Condado. A proba conta  cun percorrido de 12 tramos cronometrados que se disputarán na xornada do sábado 8 de xullo, é unha das máis longas do certame e estará marcada novamente pola climatoloxía.

Víctor Senra e David Vázquez chegan como líderes destacados do campionato á carreira do Condado logo de vencer nas catro primeiras paradas. Aos mandos do Citroën C3 WRC, o equipo coruñés procurará o quinto triunfo da tempada e deixar así case sentenciado o título.

Como alternativas, Alberto Meira e Avelino Martínez; Jorge Pérez e Miriam Vera, que nesta proba estrean un Hyundai I20 R5; Javier Ramos e José Pintor cun Volkswagen Polo R5 ou a longa lista de vehículos da categoría N5, cun amplo abano de protagonistas.

Precisamente, nesa lista de favoritos atoparanse os dous equipos coa bolsa da Federación Galega de Automobilismo, os formados por Alexis Viéitez e Cristian Álvarez e Marcos Maceiras e Sergio Iglesias, ambos equipos aos mandos dun Nissan Micra N5.

Ademais, a Clio Trophy Galiza fará a súa segunda parada neste ano de debut con catro equipos inscritos. Como non, tamén estarán presentes as distintas fórmulas de promoción como as Top Ten Pirelli Driver Autia (A,B e C); a Gara N5; a Pirelli AMF e o Volante FGA (coa Promoción "Xove" Piloto). 

Como entrante nesta edición do Rally Sur do Condado decorreu onte unha cerimonia de saída ás 21 horas na praza do concello de Salvaterra de Miño.

Xa na xornada do sábado, os 12 treitos cronometrados comezarán ás 8.50 horas da mañá e a chegada do primeiro participante a Salvaterra de Miño prevese ás 22.54 horas.

Comentarios