Irene Trabazo e Iván Feijoo, as mellores sobre a lama

O XIV Ciclocrós Castelo de Maceda-Copa Deputación de Ourense puxo punto final a unha edición 2021 do Campionato da Galiza de Ciclocrós que pasará á historia pola súa espectacularidade e no que Irene Trabajo e Iván Feijoo demostraron por que son non só futuro, senón tamén presente, desta disciplina no país.
Os gañadores e gañadoras nas distintas categoría posan xuntas no podio do circuíto de Maceda. (Foto: Luz Iglesias) #ciclocrós #ciclismo #montaña #maceda #campionato
photo_camera Os gañadores e gañadoras nas distintas categoría posan xuntas no podio do circuíto de Maceda. (Foto: Luz Iglesias)

O fin de festa da tempada nacional mesturou na localidade alaricana de Maceda todos os ingredientes característicos do ciclocrós para ofrecer un grande espectáculo deportivo: o mal tempo, a lama, a emoción e un circuíto do máis completo, que contribuíron a configurar neste 2021 unha das edicións máis potentes do Campionato da Galiza.

Nunha xornada que honrou á especialidade invernal do ciclismo, as dúas principais referencias galegas nos últimos tempos, a elite Irene Trabazo (XSM) e o tamén elite Iván Feijoo (Academia Postal-Abanca), encabezaron o palmarés do XIV Ciclocross Castelo de Maceda-Copa Deputación de Ourense.

Un total de 15 títulos puxéronse en xogo nun evento organizado polo Club Ciclista Maceda na décimo sétima e última cita dun calendario que arrancou a principios de outubro. Nesas primeiras carreiras deste curso non puido ser da partida Irene Trabazo debido a unha lesión, un contratempo que non lle impediu despedir o ano revalidando a coroa lograda en Ferrol no ano 2020.

A marinense dominou con autoridade a proba elite/Sub-23 e júnior nun escenario enlamado, pero máis escorregadizo que pastoso. Trabazo impúxose en solitario, cun rexistro de 42 minutos e 14 segundos, acumulando case tres minutos e medio de vantaxe sobre a segunda clasificada e gañadora júnior, Laura Mira (Supermercados Froiz). Terceira rematou a elite Isabel Castro (Condado Bike) e cuarta, acadando o segundo posto entre as júniors, a local Sarela Conde (Academia Postal-Abanca).

O conxunto anfitrión colleitou tres podios máis na carreira raíña feminina. Andrea García, quinta na táboa absoluta, venceu entre as Sub-23 logo de superar a súa compañeira de equipo Noela Saa. As cores do Maceda tamén as luciu a terceira elite, Xiana Conde, e as outras dúas medallas que se repartiron nesta quenda conseguíronas Uxía Soto (Supermercados Froiz), terceira júnior, e Laura Fernández (Avanza-O Porriño), terceira Sub-23.

Altibaixos na proba Sub-23 masculina

Despois de case tres meses de ciclocrós na Galiza, o derradeiro capítulo da competición elite/Sub-23 masculina resultou o máis emocionante da campaña 2021

O circuíto deseñado na ladeira do Castelo de Maceda, e no que leva anos acumulando éxitos, tornou de novo no coto privado de Iván Feijoo. O alaricano, defendendo o uniforme do equipo local, sufriu unha avaría na primeira volta cando rodaba a carón de Miguel Rodríguez perseguindo Samuel González (Máis Que Bicis) ao romperlle o cable do cambio electrónico como consecuencia de terse enganchado cunha vara. Feijoo perdeu posicións até poder cambiar de bicicleta, mentres por diante o Sub-23 Rodríguez situábase primeiro e abría oco. Obrigado a remontar, o elite do Academia Postal-Abanca foi adiantando rivais até que a falta de dúas voltas para a conclusión alcanzou o ponteareán do Supermercados Froiz.

Deste modo, a vitoria absoluta decidiuse de modo épico nos metros finais da carreira.  Feijoo cambiou o ritmo e dobregou Rodríguez por só seis segundos, festexando así o seu primeiro título como elite cun tempo de 53.22. O podio completouno o compañeiro de equipo do gañador, Saúl López, que entrou a 1.31 de Feijoo.

As cadetes María Filgueiras e Tomás Pombo confirman a boa saúde da canteira galega

A canteira do ciclismo de montaña galego continúa gozando de boa saúde, como confirmou a cadete María Filgueiras (Río Miera), quen se impuxo na súa categoría tras protagonizar unha soberbia actuación e cruzar a liña de meta por diante de Aroa Otero (Avanza-O Porriño), sendo terceira Lorena Patiño (Compostelano). Pola súa banda, Tomás Pombo (Cambre) ergueu os brazos na modalidade masculina, estando escoltado no podio por Martín Díaz (Caimanes) e Gael García (Compostelano).

Comentarios