Xustiza

O intento de amaño do partido Badaxoz-Pontevedra chega á Xustiza

Un xulgado pacense dirixe a investigación.
Ferrón, no centro, foi o autor do gol da vitoria investigada. (Foto: CD Badaxoz).
photo_camera Ferrón, no centro, foi o autor do gol da vitoria investigada. (Foto: CD Badaxoz).

Hai unha semana informábamos neste mesmo dixital de Nós Diario de que a sombra da corrupción deportiva sobrevoaba o Badaxoz-Pontevedra da penúltima xornada da pasada tempada ligueira, por un presunto intento de compra a dous xogadores galegos para argallar un amaño que rematase coa vitoria dos do sur da Península. Agora, o Xulgado de Instrución Número 3 de Badaxoz abre unha investigación para afondar nos feitos.

Polo de agora, o tribunal estremeño iniciou unha fase pericial, polo cal, segundo filtraron desde o Tribunal Superior de Xustiza de Estremadura (TSXE), aínda non hai persoas investigadas, pese a que as informacións iniciais apuntaban a que foron un futbolista e un membro do corpo técnico pacense durante a campaña 2022/23 os que ofreceron a ambos os xogadores do Pontevedra un gran contrato como recompensa polos puntos.

Ante este escenario, o Club Deportivo Badaxoz emitiu un comunicado no que recoñece ter "coñecemento" de que se está "investigando xudicialmente" o club, xa que foron "notificados".

"Desde o momento en que se tivo coñecemento desta investigación, o club realizou unha investigación interna e profunda a todos os niveis", deféndense desde a entidade, que, con todo, sostén que non atopou "evidencia algunha" do intento de comprar o partido.

"Polo tanto, e reforzando a honra do Club Deportivo Badaxoz, reprobamos as acusacións á nosa institución e apoiamos incondicionalmente aos nosos empregados e equipo", engadiu, apostilando que está "a disposición da Xustiza para esclarecer calquera feito", razón pola cal demanda "respectar" os procesos xudiciais" e non acelerar "conclusións entre a opinión pública", xa que, pensa, "a resolución final aclarará toda a situación".

Comentarios