Fútbol

Investigan por amaño o encontro Pontevedra-Badaxoz do ano pasado

Os estremeños, que necesitaban gañar para seguir na pelexa por salvarse ante un conxunto do Lérez xa matematicamente descendido, impuxéronse cun único tanto que chegou logo dunha 'cantada' do meta galego.
Ferrón, no centro, foi o autor do gol da vitoria investigada. (Foto: CD Badaxoz).
photo_camera Ferrón, no centro, foi o autor do gol da vitoria investigada. (Foto: CD Badaxoz).

A sombra da corrupción volve sobrevoar o fútbol, e nesta ocasión faino nun choque que tivo un equipo da Galiza entre os protagonistas, o Pontevedra. Segundo desvelou en primeiro momento o diario ABC, o partido en cuestión que investiga o Centro Nacional Policial de Integridade no Deporte e as Apostas (Cenpida) é un Badaxoz-Pontevedra correspondente á penúltima xornada do Grupo '1' da Primeira Federación disputado o 20 de maio de 2023.

Alí, un Pontevedra xa matematicamente descendido visitaba un conxunto estremeño que con 40 puntos fechaba os postos de descenso, permanecendo a dous dun limiar da salvación que marcaba o Fuenlabrada.

Obrigado a gañar, un único tanto de Francis Ferrón, anotado no minuto 73, subiu ao marcador do Novo Vivero o definitivo 1-0, e grazas ao cal o Badaxoz chegaba á derradeira data ligueira con opcións reais de salvarse.

Ese gol foi consecuencia dunha xogada moi rara na que Álvaro Cortés, porteiro da escuadra do Lérez, via como se lle escapaba das mans un balón longo moi suave, o que lle permitiu a un áxil Ferrón facerse coa bola e introducila na meta pontevedresa. 

Agora, sae á luz que un porteiro e un defensa galegos denunciaron ante a Asociación de Futbolistas Españois (AFE) que un futbolista do Badaxoz e un membro do corpo técnico contactaron con eles para argallar un amaño que rematase coa vitoria dos do sur da Península.

O ofrecemento a eses xogadores do Pontevedra foi a súa incorporación ao Badaxoz, recibindo un gran contrato como agradecemento polos servicios prestados, na seguinte campaña.

Ningún dos dous futbolistas presuntamente 'tocados' polo Badaxoz participou no encontro. Non obstante, a Cenpida destaca que o gol local chegou "nun erro clamoroso do porteiro".

Comentarios