O Hóckey A Coruña, a pola Copa da Raíña

O Club Patí Vila-Sana, duro rival herculino nos cuartos de final.
A totalidade das xogadoras e o corpo técnico conxuráronse para chegar o máis lonxe posíbel nunha proba que se disputa en Catalunya. (Foto: HC A coruña).
photo_camera A totalidade das xogadoras e o corpo técnico conxuráronse para chegar o máis lonxe posíbel nunha proba que se disputa en Catalunya. (Foto: HC A coruña).

O hóckey sobre patíns na Galiza foi sinónimo de Liceo durante varias décadas, pero o ano pasado emerxeu da extinta sección feminina da entidade verdibranca un novo club que rachou por completo co monopolio e que esta fin de semana podería levantar o primeiro título da súa historia: o Hóckey Club A Coruña.

Será, como non, na Meca deste deporte a nivel estatal, Catalunya, onde a localidade de Vilafranca del Penedès está lista para acoller unha Copa da Raíña que se disputa desde 2006 e que aínda ningún conxunto do país foi quen de levantar.

Alí, Generali Palau de Plegamans, Vilasana Cooperativa d’Ivars, Telecable, Esneca Fraga, Martinelia Manlleu, Voltregà Movento Stern, Lidergrip Mataró e HC A Coruña enfrontaranse nun formato de eliminatorias que abrirán no Pavelló Municipal de Patinatge esta mesma quinta feira ás 18 horas as xixonesas do Telecable e as barcelonesas do Manlleu,  as dúas últimas campioas deste torneo do KO.

Esta mesma quinta feira, pero ás 20.30 horas, será a quenda da escuadra herculina, que medirá forzas co Club Patí Vila-Sana Cooperativa d'Ivars nun choque no que aspira a dar a sorpresa.

O favoritismo recae do lado catalá por diversos factores. O primeiro é a súa condición de (case) local, pois Vila-Sana, un municipio da Pla d'Urgell que conta con pouco máis de 700 habitantes, e Vilafranca del Penedès están a pouco máis dunha hora de distancia en automóbil.

Ademais, o bloque dirixido por Lluis Rodero destaca por unha solidez e unha regularidade que non só o elevou até a terceira posición da OK Liga -o HC A Coruña é sexto-, senón a golear (6-1) a formación galega no duelo que protagonizaron no marco da décima xornada de OK Liga, alá polo 20 de decembro de 2023.

De conseguir superar este primeiro e durísimo escollo, colidiría as 17 horas do sábado, 20 de abril, nunhas hipotéticas semifinais co vencedor do Telecable Xixón-Manlleu.

No outro ladro do cadro, o outro finalista da Copa da Raíña sairá dalgún dos seguintes partidos: Esneca Fraga-Voltregà Movento Stern (sexta feira, 18 horas) e Generali Palau de Plegamans- Lidergrip Hóckey Club de Mataró (sesta feira, 20.30 horas). 

Riazor, sede da final da Champions

Sen apenas tempo para recuperarse do esforzo físico e mental da Copa da Raíña, o Hóckey Club A Coruña afrontará un novo e transcendental desafío: a fase final da WSE Champions League.

A World Skate Europe e a Real Federación Española de Patinaxe (RFEP), entidades organizadoras da competición continental, determinaron que a cita teña lugar os próximos días 27 e 28 de abril no Pazo dos Deportes de Riazor, onde actúa como local o conxunto coruñés.

Deste modo, o recinto herculino acollerá tanto as semifinais como a finalísima dun torneo no que, curiosamente, participarán só equipos da Península Ibérica.

O encontro inaugural será ás 17 horas do sábado 27 entre o HC A Coruña e o Club Patín Escena Fraga, formación que na fase regular da OK Liga ocupa a cuarta posición, dúas por diante da escuadra galega. Dúas horas máis tarde, ás 19, o Vila-Sana e o Palau de Plegamans optarán ao outro posto na final. Esta, pola súa parte, está programada xa ao día seguinte, concretamente ás 12 horas do domingo 28 de abril.

Comentarios