Herrera desbota demitir e manda un recado a Aspas

Herrera non quer ir embora. Se del depender, ficará. "O que teña que suceder, sucederá. A miña única obsesión é tirar a equipa desta situación", dixo após perder en Getafe. Alí mandou un recado a Iago Aspas.
Iago
photo_camera Iago

Medra en Vigo o ruxe ruxe que aponta ao despedimento no banquiño do Celta, mas, se se materializar, será contra a vontade do treinador. Herrera non dá por perdida a permanencia e mantén a confianza nas súas posibilidades. Non demitirá.

O treinador tomou onte o que el mesmo cualificou de decisión "moi difícil", a de mandar para o banquiño no minuto 60, con media hora de xogo por diante, o futbolista franquicia da equipa, Iago Aspas.

"Este tipo de decisións son moi difíceis e mesmo se poden voltar en contra dun", admitiu o técnico.

Herrera explicou así por que substituiu Aspas: "O meu obxectivo non é que apañe unha bola e faga unha cousa moi bonita, de cando en vez. O meu obxectivo é que Iago faga cousas efectivas para a equipa".

Desde que Iago Aspas non marca, o Celta non gañou ningún partido.

Para Herrera, o futbolista de Moaña non é o mesmo desde que se comezou a especular sobre a súa aterraxe na vindeira tempada quer no Chelsea quer no Valencia. "Entre todos fixémoslle moito dano", dixo. Nese todos ía inserida a imprensa. "Desde hai algúns partidos, Iago non é o futbolista que eu tiven comigo durante os últimos dous anos", dixo.

Herrera opta por este castigo deportivo como último recurso visando que o avanzado celeste reaxa positivamente e mellore o seu rendimento.

Comentarios