A halterofilia galega compite na Copa Unión Europea

Irene Blanco e Ruth Fuentefría, ambas as dúas do Club Halterofilia A Coruña, estarán na Copa Unión Europea de León.
Ruth Fuentefría, do Club Halterofilia Coruña (Foto: Federación Galega de Halterofilia).
photo_camera Ruth Fuentefría, do Club Halterofilia Coruña (Foto: Federación Galega de Halterofilia).

Nova cita internacional para a halterofilia galega. A Copa Unión Europea deste deporte, que comezou esta sexta feira en León, terá como representantes da Galiza a Irene Blanco e Ruth Fuentefría, ambas as dúas do Club Halterofilia A Coruña.

Neste evento, que está a relizarse no Pazo de Exposicións da cidade leonesa e rematará hoxe, participarán algo máis de 70 de deportistas das categorías Sub-15, Sub-17 e Júnior de países como Francia, Malta, Polonia, Hungría, Italia, Eslovenia, Croacia, Dinamarca, Bélxica, Irlanda, Austria ou o Estado español. 

As deportistas galegas, segundo informan desde a Federación, teñen previsto levantar na tarima do evento cara ás 12 horas deste sábado. 

Irene Blanco en forma

A que fora campioa do mundo xuvenil, Irene Blanco, vén de realizar un bo papel no XXV Trofeo Internacional 'Cidade da Coruña' que tivo lugar no Polideportivo Os Rosais a pasada fin de semana. Ese torneo, un dos clásicos no mundo da halterofilia estatal, contou tamén con participación internacional de países como Alemaña, Dinamarca, Hungría, Portugal, Reino Unido e Malta.

Ademais, reuniu unha selección estatal, outra da Galiza e a do equipo local, o Club Halterofilia A Coruña. Nesa ocasión quedou terceira, tras a portuguesa Eduarda Morais (do seu mesmo equipo) e da deportista de Dinamarca Amelie Loeving. Os seus  numeros foron 79,14 kg, 90 kg 116 kg e  206 kg, reunindo un total de 239,29 puntos. 

Na clasificación por equipos desta competición estivo rifada até o ultimo movemento, xa que a diferenza entre os tres equipos do podio estivo en menos de 3 puntos da elite. A selección Española alzábase co triunfo con 296.37 puntos, seguido do Club Halterofilia A Coruña con 294.13 puntos e fechaba o podio a selección galega con 293.28 puntos. 

Amy Abelleira, promesa

Na mesma fin de semana tamén se realizaba na Coruña a Copa Promesas Sub-15 e Sub-17 con seis deportistas representando a Galiza. Salientou o resultado obtido pola deportista do Club Halterofilia Vigo, Amy Abelleira, que conseguiría o Subcampionato na categoría Sub-17 con 68 kg en arrancada e 90 en dous tempos para sumar un total de 158 kg, con 198.57 puntos sinclair, que a levantaban á segunda posición da clasificación detrás da catalá Maria Olalla Muñoz con 229.70 puntos. 

Comentarios