A halterofilia do país exhibe a súa forza no Trofeo Cidade da Coruña

Péter Nagy e a galega Irene Blanco, grandes atraccións
Blanco opta a medalla na casa. (Foto: Irene Blanco).
photo_camera Blanco opta a medalla na casa. (Foto: Irene Blanco).

A tradición da halterofilia que se respira na Galiza, e especialmente na cidade herculina, queda plasmada na vixésimo quinta edición do Trofeo Internacional Cidade da Coruña, que comezou na tarde desta quinta feira no Pavillón dos Rosais. 

Alí daranse cita até o próximo domingo, 3 de xullo, seis delegacións internacionais procedentes de Alemaña, Dinamarca, Hungría, Malta, Portugal e Reino Unído, que chegaron á proba galega con deportistas de gran nivel, moitos e moitas delas campións nacionais nos seus respectivos países.

Contra elas competirán a selección galega, a súa homóloga estatal e un combinado formado polas mellores levantadoras da formación local, o Club Halterofilia Coruña, que conta nas súas filas cun reforzo moi especial, o veterano húngaro de 36 anos Péter Nagy, con experiencia en tres Xogos Olímpicos diferentes.

Con respecto á representación nacional, cabe destacar os nomes de Irene Blanco -vixente campioa de España absoluta e que rematou a tan só un chanzo de entrar no podio da modalidade de arrancada no Mundial Júnior-, Noelia García, Víctor Castro, Iván Ramírez e Jacobo Montero.

Todas aquelas persoas que desexen seguir ao vivo as evolucións do torneo poden facelo, ademais de achegándose até o Pavillón dos Rosais da Coruña, na canle de Youtube da Federación Galega de Halterofilia.

A cidade herculina tamén acolle a Copa Promesas

En paralelo á disputa do XXV Trofeo Internacional Cidade da Coruña, a localidade herculina tamén será sede da Copa Promesas, unha competición na que participarán as 10 mellores deportistas masculinas e femininas do ránking estatal das categorías Sub-15 e Sub-17, 40 nomes dos que seis son galegos. 

Comentarios