O Guardés deixa unha boa imaxe a pesar de ceder na pista de Bera Bera

O equipo miñoto xogoulle de igual a igual ao vixente campión da Liga. O Mecalia Atlético Guardés a piques estivo de dar a sorpresa na súa visita a Donostia.
O acoso da portaría do Guardés foi intenso (Foto: Juan Antonio Garaikoetxea).
photo_camera O acoso da portaría do Guardés foi intenso (Foto: Juan Antonio Garaikoetxea).

O Mecalia Atlético Guardés sucumbiu na pista do Súper Amase Bera Bera por 27-23. O equipo miñoto mantivo unha forte presión ao vixente campión de Liga durante moitos minutos, especialmente os dunha primeira metade, gobernada en case todo momento polo conxunto visitante.

Na segunda, o colectivo da Guarda viu como o empuxe donostiarra acababa coa súa resistencia e certificaba unha derrota que lle mantén sen puntos a domicilio mais da que se poden extraer moitas ideas positivas para o futuro, especialmente na defensa. A proposta de Abel González foi quen de deixar en só dez goles ao descanso á forza anotadora de Bera Bera

O Guardés saíu a por todas na pista local

O inicio do partido foi fulgurante, cun Guardés que atacaba a toda velocidade dirixido por Pauli Fernández e de Patrícia Lima, cun parcial de 1-5 no primeiros cinco minutos. A partir de aí, o encontro estabilizouse cara un ritmo máis sostíbel. Pasaban os minutos e os goles caían aos poucos en ambas as portarías mais as vantaxes, ao redor de 2-3 goles, mantíñanse a favor do Mecalia.

Foi un acelerón local no último minuto o que igualou o choque. Laura Hernández, desde os sete metros, e Maitane Etxeberria, sobre a bucina, igualaron a dez tantos o parcial. Mais cun rival de semellante entidade diante, en calquera momento pode chegar a ruptura. Tres goles consecutivos do Bera Bera puxérono por diante por vez primeira e obrigaron a Abel González a pedir tempo morto.

A partir do minuto 45 o choque abriuse debido ao cansazo. Marianne Fernandes, inédita no primeiro tempo grazas ao traballo da defensa guardesa, foise aos sete tantos. Seis fixo Gavilán desde o pivote. O Guardés notaba a falta de oxíxeno mais negábase a ceder. Grazas a un tanto de Sancha e ás paradas de Míriam Sempere entrou ao últimos dez minutos cun gol abaixo e o marcador en 22-21. 

Mais foi nese intre que se notaron as posibilidades que ten o Bera Bera no equipo, até o punto que se permitiu o luxo de deixar a Paula Arcos, MVP da pasada Liga nas filas do Guardés, un cuarto de hora no banco. Esa enerxía, e tamén o enorme rendemento de Alice Fernandez na portería local, marcaron as diferenzas ao final.

Mais, aínda que o equipo miñoto non puido rascar puntos -segue sen facelo a domicilio-, atopou algo mesmo máis valioso para o futuro: un camiño para seguir. Xogando así pode ter moito máis que gañar que perder.

Comentarios