O Guardés e o O Porriño buscarán esta xornada a vitoria fóra da casa

A cuarta xornada da Liga Guerreiras coincide coas viistas fóra de casa do Guardés e O Porriño. Ambos os dous equipos buscarán mellorar resultado na competición.
As galegas son favoritas (Foto: Atlético Guardés).
photo_camera O Mecalia Atlético Guardés no seu partido co Granollers (Foto: Atlético Guardés).

O Mecalia Atlético Guardés e o Conservas Orbe Rubensa do Porriño xogarán esta cuarta xornada da Liga Guerreiras de balonmán fóra de casa. As da Guarda viaxarán até o pavillón xixonés da Area para enfrontarse ao Motive.co Xixón (hoxe ás 21 horas) no que será un duelo de nivel europeo. Abel González e as súas pupilas buscarán estrear o marcador de vitorias a domicilio ao saldarse con derrota a anterior visita a Elxe. 

Esta circunstancia contrasta co pleno de triunfos que o Mecalia acumula como local, no exilio provisional do pavillón de Tui onde xogará até que terminen as obras de reforma da Sangriña. Por iso, o colectivo miñoto viaxa a Asturies con ganas de trasladar esa boa liña como anfitrión ao rol de invitado. 

No punto contrario están as asturianas, que sumaron os dous puntos que ostentan no Porriño e perderon na casa o seu único encontro xogado diante o Beti-Onak de Nafarroa. Será un envite que perfectamente podería ser de competición continental.

cadro xixonés da lalinense Cecilia Cacheda e o Guardés compiten esta tempada na EHF European Cup, o que evidencia o nivel do encontro. Neste campionato, o Motive.co Xixón entra en xogo contra o Mestrino italiano os próximos 8 e 15 de outubro, coa disputa da primeira rolda da competición. A escuadra miñota, pola contra, non o fará até decembro, xa que quedou exenta da eliminatoria inicial por ser cabeza de serie. 

Para hoxe, Abel González non poderá contar con Júlia Nuez, recentemente operada da rotura dun ligamento, até despois do Europeo. A cambio, poderá dispor de Pauli Fernández. A central paraguaia incorporouse tarde á disciplina guardesa por problemas burocráticos. 

Do Porriño até Málaga

O Conservas Orbe Rubensa BM Porriño, pola súa parte, desprazarase até Málaga para tentar sacar un bo resultado da cancha do Costa do Sol (Polideportivo O Limón, sábado ás 18 horas), sexto na clasificación. As andaluzas mantiveron na xornada anterior un axustado encontro coas do Zubileta Evolution Zuazo de Barakaldo nun partido moi axustado que souberon liquidar cun resultado de 25-28. 

O primeiro adestrador das galegas, Ismael Martínez, explica que o seu rival é un dos grandes equipos da liga Guerreiras Iberdrola e “están chamadas a pelexar polo título”. A pesar das baixas coas que conta o equipo porriñés para o choque, o técnico sentenza que “temos as nosas opcións e temos que xogar as nosas cartas, mais evidentemente hai moita incerteza”.

Comentarios