O Guardés visita Elx agardando outra vitoria

As xogadoras do Guardés voltarán esta fin de semana a ser visitantes. Co resultado da semana pasada diante o Granollers na memoria, esperan obter un bo resultado na súa viaxe a Elx.  
O Guardés no seu partido co Granollers (Foto: Nós Diario).
photo_camera O Guardés no seu partido co Granollers (Foto: Nós Diario).

O Mecalia Atlético Guardés visitará este sábado a cancha do Atticgo Elx (Esperanza Lag, 18 horas), no que será o seu segundo partido fóra de casa.

Após a vitoria traballada da primeira xornada diante do Granollers, as xogadoras de Abel González sairán dispostas a demostrar que son capaces de loitar até o último minuto de partido. Para o técnico asturiano con este inicio de tempada "teremos que estar a lume de biqueira para sacar adiante todos os partidos”.

Será unha proba dura, como todas as desta nova Liga Guerreiras Iberdrola de doce equipos, que elevou notabelmente o seu nivel competitivo. Segundo fontes do club, González volve ter á súa disposición a todas as súas xogadoras.

A única excepción é a paraguaia Pauli Fernández, que por fin puido viaxar desde o seu país. A internacional guaraní chegou esta quinta feira, polo que o corpo técnico decidiu que o mellor era que quedase na Guarda.

Máis aló dunhas leves molestias no dedo dunha man para Júlia Noz, que en absoluto impediranlle participar no choque, non hai lesionadas no cadro do Guardés. Celia López recuperouse do seu problema no tendón do maimiño da man dereita e xa está recuperada. 

Volta a Elx

Precisamente López será unha das xogadoras que vivirán dun modo especial o encontro. Natural de Elda, onde o Guardés adestrou onte, poderá xogar a escasos 30 quilómetros da súa casa. Mesmo caso é o de Elena Amores -de Petrer, onde o equipo pasou a noite-, Míriam Sempere -de Santa Pola- ou África Sempere -do mesmo Elx-.

As dúas Semperes, ademais, foron xogadoras deste equipo, igual que a arxentina Giselle Menéndez, que fichou este verán polo Guardés procedente da escuadra da cidade das palmeiras, onde xogara as dúas últimas tempadas. 

Comentarios