Xustiza

A Garda Civil deixa Rubiales en liberdade á espera da citación xudicial

Á súa chegada a Barajas, axentes da UCO abordárono na propia aeronave e logo, acompañado por efectivos policiais, subiu a pé de pista a un vehículo negro oficial da Garda Civil non logotipado.
Luis Rubiales, nunha rolda de prensa como presidente da RFEF. (Foto: AFP7 / Europa Press)
photo_camera Luis Rubiales, nunha rolda de prensa como presidente da RFEF. (Foto: AFP7 / Europa Press)

O ex presidente da Real Federación Española de Fútbol (RFEF) Luis Rubiales quedou en liberdade a última hora da mañá desta cuarta feira tras chegar a Madrid nun voo procedente de República Dominicana e ser detido no aeroporto Adolfo Suárez, segundo confirmaron fontes do caso citadas pola axencia Europa Press. Rubiales adiantou a súa volta ao Estado español, prevista para o 6 de abril, e aterrou no aeroporto madrileño pasadas as 10 horas da mañá tras realizar unha viaxe ao país caribeño por "cuestións laborais", defendeu o pasado 22 de marzo.

As citadas fontes sinalaron que Luis Rubiales, investigado polo presunto desvío de fondos en irregularidades asociadas a contratos durante a súa etapa á fronte da RFEF, chegou a Madrid nun voo comercial. Á súa chegada a Barajas, axentes da UCO da Garda Civil abordárono na propia aeronave e logo, acompañado por efectivos policiais, subiu a pé de pista a un vehículo negro oficial da Garda Civil non logotipado. A continuación, Rubiales foi trasladado a dependencias do aeroporto madrileño.

A defensa de Rubiales informou a xuíza de Majadahonda Delia Rodrigo de que tiña previsto regresar ao Estado español desde República Dominicana o próximo 6 de abril, alegando que se atopaba "a plena e total disposición" do Xulgado e que podería "regresar con anterioridade a esa data se así se estimase necesario e se fose requirido para iso".

Esta segunda feira tivo lugar no seu aloxamento en Punta Cana un rexistro da UCO por orde da xuíza, e no mesmo incautouse o teléfono móbil e unha tablet de Rubiales. A operación da Garda Civil por posíbel corrupción na RFEF indaga nas presuntas irregularidades nos contratos para xogar a Supercopa de España de fútbol en Arabia Saudita.

Pola súa parte, Rubiales negou nun avance da entrevista que se emitirá esta cuarta feira en La Sexta que recibise "mordidas", asegurando que o diñeiro que tiña nas súas contas era "produto" do seu traballo e dos seus "aforros", e negando tamén "as afirmacións que fixeron os medios" de comunicación sobre o seu diñeiro.

"Estou hoxe aquí para dicir que é mentira que eu pegase unha mordida con pisos aquí [República Dominicana]. Que é mentira que teña un equipo de béisbol [...], que pegase un pelotazo en Cabo Verde ou que teña terreos para a construción de hoteis en Arabia Saudita", defendeu o ex presidente da RFEF.

O pasado 22 de marzo, a xuíza deixou en liberdade a Tomás González Cueto, que fora asesor xurídico externo da RFEF con Rubiales, e a Ángel González Segura, no seu caso relacionado coa empresa que realizou obras no estadio da Cartuja de Sevilla.

A investigación, cun total de sete detidos, desenvolveuse pola UCO por presuntos delitos asociados á corrupción nos negocios, administración desleal e branqueo de capitais entre 2018 e 2023, cando Rubiales estaba á fronte da RFEF, cargo que abandonou ao ser inhabilitado polo bico non consentido á xogadora Jennifer Hermoso.

Comentarios