Galiza xogará contra Kurdistán o amigábel de Nadal

Siareir@s Galeg@s organiza, un ano máis, o partido anual da selección galega de fútbol. O encontro celebrarase en Pontevedra o día 29 de decembro. Xogos populares, fútbol gaélico e un concerto completarán as actividades da xornada.
Encontro fútbol Galiza-Kurdistán

A intención do PP de eliminar os partidos amigábeis da nosa selección de fútbol ao chegar ao goberno galego en 2009 non se fixo realidade. E non pola súa teima prohibicionista, baixo a escusa da situación económica do noso país, senón por outra teima aínda máis forte que leva a Siareir@s Galeg@s a organizar cada ano ese partido. Nesta ocasión Galiza xogará contra a selección nacional de Kurdistán.

Para @s organizador@s do encontro o país escollido é "umha naçom também negada e que sofre diariamente a repressom de quatro estados diferentes, nomeadamente do turco". O obxectivo de Siareir@s Galeg@s é "ar-lhe voz ao povo kurdo e estreitar os laços de irmandade entre os nossos países".

Programa

A xornada abrirase ao mediodía (13:30 horas) na esplanada do recinto feiral cun xantar popular, a actuación de Cé Orquestra Pantasma e xogos populares (billarda e xogo de pao). Na praza da Ferrería (19 horas) comezará a manifestación nacional en defensa das nosas seleccións nacionais que rematará no Campo de Fútbol da Xunqueira. Antes do encontro internacional terá lugar unha demostración de fútbol gaélico (20 horas) e a homenaxe ás deportistas galegas (20:50 horas). O partido amistoso Galiza-Kurdistán (21 horas) será o remate da xornada deportiva. Logo virá a música na Esplanada do recinto feiral (23:30 horas) coas actuacións de Rebeliom do Inframundo, Arenga, Falperrys e Berri Txarrak. A organización ten previsto medios comunitarios de transporte desde as diferentes comarcas e os bonos estarán á venda ao prezo de 15 euros.

Comentarios