A Galiza volve do Estatal de atletismo con tres medallas

Toimil, ouro; Adrián Ben e Lidia Parada, prata.
Belén Toimil podería proclamarse campioa de Europa en Polonia. (Foto: RFEA).
photo_camera Belén Toimil podería proclamarse campioa de Europa en Polonia. (Foto: RFEA).

Un total de tres medallas individuais, unha nas remudas, tres récords da Galiza e 14 postos de finalistas foi o balance total da representación galega que acudiu a tomar parte no Campionato de España de Atletismo que se levou a cabo na localidade malagueña de Nerja.

A plusmarquista estatal Belén Toimil confirmou en Andalucía a súa hexemonía sobre o sector do peso impoñéndose claramente cun mellor tiro de 17.80 metros, a máis de dous da segunda clasificada. Despois, a lanzadora olímpica atrevíase cunha disciplina que non é a súa especialidade como é o disco, onde tamén destacou ao lograr unha sexta posición con 48.66 metros.

O tamén olímpico e finalista mundial Adrián Ben deparou outra nova alegría para o atletismo galego logo de acadar unha meritoria medalla de prata sobre os 800 metros, remontando nunha espléndida última recta final e cedendo tan só ante Alvaro de Arriba, quen marcou un rexistro de 1.45.82 polo 1.46.01 do viveirense.

A catro veces campioa de España absoluta, Lidia Parada (Barbanza), logo da súa ausencia no Estatal do ano pasado, volveu subir novamente a un podio grazas ao seu lanzamento de 53.29 metros, que a elevaron até o segundo chanzo do podio.

Nesta mesma modalidade Yulenmis Aguilar, cubana afincada na Galiza, converteuse na protagonista logo de lanzar até os 64.17 metros, que a colocan no primeiro posto do ránking mundial da xavelina. Paula Piñón (Celta) con 47.32 e Carmen Sánchez (Unicaja Xaén) con 46.17 lograron senllos postos de finalistas.

Do mesmo modo, no resto de lanzamentos a Armada Galega alcanzou importantes rexistros nas distintas modalidades. Así, no concurso de martelo Irene Gómez lanzou até os 56.02 metros e Ignacio Fernández chegou a 61,58 metros, dous menos que Yago Araújo (61,60).

Nas probas de velocidade o máis destacado foi a gran actuación da bimedallista paralímpica e plusmarquista galega Adi Iglesias. Novamente, a lucense do Lucus deu mostras da súa enorme calidade logrando nas semifinais o récord da Galiza absoluto con 24.10, que lle deron o acceso a toda unha final onde rematou sexta e na que tan só o vento a favor de +2,5 lle impediu rebaixar novamente a plusmarca galega até os 24 segundos.

Comentarios