A Galiza conta con bazas para voltar con medallas do Campionato de España

Nerja dará acollida a perto de setecentos participantes no Campionato de España Absoluto de Aire Libre, dos cales corenta serán da Galiza (25 mulleres e 15 homes). A medallista Ana Peleteiro non viaxará pola súa maternidade.
A mugardesa Belén Toimil estará en Nerja (Foto: FGA).
photo_camera A mugardesa Belén Toimil estará en Nerja (Foto: FGA).

A cita máis importante do atletismo estatal ao aire libre volve novamente esta fin de semana. Durante tres días, do 24 ao 26 de xuño, a localidade malagueña de Nerja dará acollida a perto de setecentos participantes no Campionato de España Absoluto de Aire Libre, dos cales corenta serán da Galiza (25 mulleres e 15 homes). 

Nesta edición viaxarán representantes do país con serias opcións de podio, coa excepción da ausencia por maternidade da medallista olímpica Ana Peleteiro. Viaxarán, iso si, Belén Toimil no concurso de peso e Adrián Ben nos 800 metros, que liderarán a presenza galega que tentará superar as perto das cinco medallas e dezanove postos de finalistas logrados o ano pasado. 

Importante presenza de lanzadoras

No resto de modalidades, novamente o sector de lanzamentos será do máis importante en Nerja para os intereses galegos xa que na proba de xavelina haberá catro lanzadoras que estarán no top seis das participantes por rexistros. A cubana, afincada na Coruña, Yulenmis Aguilar, parte como clara favorita ao estar con diferenza en posesión da mellor marca das participantes.

Xunto a ela loitarán polo podio Carmen Sánchez, Lidia Parada e Paula Piñón. No martelo, Nacho Fernández, que vén de acadar o récord de España máster recentemente. Acode tamén co obxectivo de entrar en postos de finalista desta modalidade na que estará acompañado polo céltico Yago Araujo e por Carlos Revuelta da Ximnástica, quen compartira círculo de lanzamento coa internacional Irene Gómez Costas

De Adi Iglesias a Daniel Chamosa

Nas carreiras estará nos 200 metros a bimedallista paralímpica de Tokio e plusmarquista galega Adi Iglesias do Lucus Caixa Rural. Sen abandonar a categoría feminina, nos 5.000 metros correrá Carmela Cardama, Ester Navarrete e Joselym Brea.

Ademais, Alba Cuns estará no foso de triplo e na lonxitude loitará polas prazas o venezolano asentado en Narón e con ficha galega, Gerson Vidal. Neste mesmo sector a campioa de España do ano pasado, a valdeorresa Leticia Gil, sairá moi motivada na procura dun posto ao que tamén aspira Olaia Guisela Becerril.

Nas combinadas, Adolfo Sainz Maza, do Celta, podería dar a sorpresa así a campioa de España Sub-23 de pista cuberta, Eva Queimaño. Por último nas probas de marcha, tamén hai importantes opcións por parte das internacionais Carmen Escaríz, Antía Chamosa así como de Daniel Chamosa.

Comentarios