sábado 19/06/21

Galiza quedaría fóra da 'Candidatura Ibérica' entre España e Portugal ao Mundial 2030

Os estados español e portugués axuntan forzas para organizar o torneo en 2030
Os xefes de Estado e de Goberno de España e Portugal asinaron un manifesto de apoio á candidatura feito público en Madrid. (Foto: Nós Diario).
Os xefes de Estado e de Goberno de España e Portugal asinaron un manifesto de apoio á candidatura feito público en Madrid. (Foto: Nós Diario).

A Copa do Mundo de Fútbol, o torneo futbolístico máis importante do planeta, podería disputarse no ano 2030 en España e Portugal, estados que formalizaron nun acto protocolario desenvolvido no día de onte no estadio Wanda Metropolitano de Madrid a coñecida como "Candidatura Ibérica".

O acordo rubricouse logo de que o pasado mes de outubro do ano 2020 o presidente da Real Federación Española de Fútbol (RFEF), Luis Rubiales, e o seu homólogo portugués, Fernando Gomes, chegaran a un acordo para impulsar unha candidatura conxunta para acoller o Mundial do ano 2030, dando pátina de oficialidade a un ruxerruxe que se retrotraía ao ano 2018 e que inicialmente incluía Marrocos, mais o país africano fíxose a un lado e semella que se presentará pola súa conta. 

No evento desenvolvido onte en Madrid, que se fixo coincidir co centenario do primeiro compromiso internacional entre as seleccións de fútbol de España e Portugal, reuníronse ademais dos devanditos Rubiales e Gomes o presidente do Goberno español, Pedro Sánchez, e o primeiro ministro luso, António Costa, así como o rei de España, Felipe VI, e o xefe do Estado portugués, Rebelo de Sousa. 

Logo dun vídeo de presentación, no que brillou a presenza de lendas do fútbol como Paulo Futre ou David Villa, Rubiales destacou a "relevancia histórica, turística e mesmo emocional" que supón acoller unha Copa do Mundo, ao que Gomes engadiu que loitarán "para que o Mundial de 2030 poida facerse na Península Ibérica" porque servirá para "reactivar" ambas as economías.

Galiza, a día de hoxe, estaría fóra do Mundial

O acto de presentación da candidatura ibérica rematou coa lectura dunha declaración gobernamental conxunta no seu apoio, mais non se entrou en detalles, como que cidades se converterán en sedes do Mundial.

Porén, a día de hoxe Galiza quedaría excluída do torneo, pois a FIFA esixe estadios cun mínimo de 40.000 espectadores, cifra que non alcanzan nin Riazor nin Balaídos, o que non é óbice para que sexan reformados para adaptarse á normativa, como xa sucedeu en 1982.

Porque Galiza xa sabe o que é acoller encontros da Copa do Mundo, pois en 1982 Vigo e A Coruña foron as dúas sedes galegas designadas sobre o total das 14 que conformaron a cita futbolística máis importante de todo o planeta.

Así, a cidade olívica e a herculina repartiron os seis partidos que se desenvolveron no marco do Grupo 1 do torneo, tendo lugar en Vigo os encontros Italia-Polonia, Italia-Perú e Italia-Camerún, e na Coruña os Perú-Camerún, Polonia-Camerún e Polonia-Perú, enchéndose todos os hoteis das súas respectivas áreas metropolitanas de amantes do fútbol e xerándose un gran fluxo de renda vinculado a eses encontros, así como unha imaxe urbana de prestixio internacional, como destacan os profesores Pena, Sánchez e Castellanos no seu estudo "Economía, fútbol e benestar social".

E no eido estritamente deportivo, o desenvolvemento de seis partidos en territorio galego permitiu á afección do país seguir en directo as evolucións da selección que sairía campioa, Italia, e gozar da histórica goleada 5-1 de Polonia a Perú.

comentarios