A Galiza conta con 539 deportistas de alto nivel

A resolución aprobada pola Secretaría Xeral para o Deporte de actualización de deportistas de alto nivel foi publicada polo Dirio Oficial da Galiza (DOG).
Deportistas de alto nivel xunto ao secretario xeral, Lete Lasa (Foto: Xunta da Galiza)
photo_camera Deportistas de alto nivel xunto ao secretario xeral, Lete Lasa (Foto: Xunta da Galiza)

O Diario Oficial da Galiza (DOG) vén de publicar a resolución do 4 de abril de 2022, da Secretaría Xeral para o Deporte, pola que se fai pública a listaxe de persoas deportistas recoñecidas como de alto nivel, alto rendemento e rendemento deportivo de base da Galiza e diferentes colectivos deportivos, así como as solicitudes desestimadas e a causa. En total, contabilizáronse 189 solicitudes das que 151 foron recoñecidas e 38 desestimadas ben por non cumprir os méritos deportivos ou ben por irregularidades no trámite administrativo. 

Despois desta última resolución, a Galiza conta con 634 deportistas recoñecidos (240 mulleres e 394 homes) dos que 539 son deportistas galegos de alto nivel (204 mulleres e 335 homes), 18 deportistas de alto rendemento (8 mulleres e 10 homes), 59 de rendemento deportivo de base (24 mulleres e 35 homes), 10 técnicos (1 muller e 9 homes), 2 árbitros (1 muller e 1 home), 2 xuíces (1 muller e 1 home) e 4 vitalicios (1 muller e 3 homes).

Ademais un total de 10 deportistas galegas e galegos de alto nivel (4 mulleres e 6 homes) contan con algunha discapacidade. 

Estas novas categorías introducíronse co novo decreto de alto nivel, de alto rendemento e de rendemento deportivo de base publicado polo DOG o pasado 29 de setembro de 2020. 

Recoñecementos salientábeis na resolución

Entre os deportistas recoñecidos nesta última resolución, destacan Alberto Abalde (balonceso), Agustín Alejos (baloncesto en cadeira de rodas), Iván Ares (automobilismo), Esperanza Barreras (surf) ou Saleta Fernández (atletismo) como deportistas galegos de alto  nivel. 

Alén destes, tamén cómpre salientar os recoñecementos de Carlos Arévalo (piragüismo), Támara Echegoyen (surf) e Sebastián Rodríguez Veloso 'Chano' (natación-deporte adaptado) que se unen a Carlos Pérez 'Perucho' (piragüismo) na categoría de deportistas galegos de alto nivel vitalicios. José Ángel Torres, José MIguel Nogueira e Jesús Benito (taekwondo), Marcial Romero (judo), Javier Fernández (balonmán) e José Manuel Ayude (kickboxing) foron recoñecidos como técnicos; e a participación como xuízas e xuíces  que neste caso foron Manuel Franco (tenis) e Marta Felpeto (piragüismo).

Comentarios