A Gala do Deporte de Pontevedra homenaxeará ás galegas olímpicas

O evento desenvolverase no Pazo de Soutomaior
Carmela Silva durante a presentación das iniciativas. (Foto: Deputación de Pontevedra)
photo_camera Carmela Silva durante a presentación das iniciativas. (Foto: Deputación de Pontevedra)

Os xardíns do Castelo de Soutomaior serán o escenario no día de mañá, ás 19 horas, da Gala do Deporte provincial, organizada pola Deputación de Pontevedra e na que se entregarán as bolsas DepoDan e DepoPromesa a 181 deportistas que conseguiron a marca mínima estabelecida.

No evento, que será conducido polo xornalista Terio Carrera e a capitana do Atlético Guardés de balonmán feminino, Lorena Pérez, levarase a cabo un recoñecemento especial ás olímpicas, olímpicos, paralímpicas e paralímpicos "que deixaron tan alto o nome de Pontevedra nos Xogos de Toquio, así como a todas as deportistas de alto nivel e 'promesas' que tantos éxitos acadan ano tras ano, convertendo a provincia en todo un referente no mundo do deporte". 

A Gala arrancará cunha homenaxe a Fran Teixera, histórico adestrador de balonmán e traballador da Deputación, falecido recentemente, e contará coa actuación de Carlota Crey, músico que forma parte do directorio de 'Descúbreas', iniciativa do ente coa que se reivindica o papel das mulleres no sector artístico.

A presidenta da Deputación, Carmela Silva, amosou o seu orgullo "polo nivelazo do noso deporte".

Lembrou que este é "o terceiro ano que a Deputación concede as bolsas DepoDan e DepoPromes, que permiten ás e aos deportistas adestrar e preparar os seus obxectivos e tamén que poidan participar en competicións estatais e internacionais". 

Do total das bolsas concedidas, 137 serán para deportistas de alto nivel, que recibirán 174.300 euros, e as 44 restantes para atletas 'promesa', que contarán con 24.700 euros. 

Silva, ademais, afirmou que proximamente lanzarán unha segunda convocatoria "para que ninguén quede sen bolsas, porque moitas deportistas non puideron solicitalas por estar en Toquio ou en grupos burbulla".

Comentarios