xoves 01/10/20

Galiza bótase á auga na 'Semana Abanca'

Cinco localidades galegas acollen o maior evento náutico de 2020
Cinco localidades galegas acollen o maior evento náutico de 2020 (Foto: Nós Diario).
Cinco localidades galegas acollen o maior evento náutico de 2020 (Foto: Nós Diario).

Tres milleiros de deportistas náuticos de piragüismo, vela, remo e esquí competirán este ano na Semana Abanca, que se desenvolverá desde o 5 de setembro até o 29 de novembro.

Con sede en Vigo -con seis eventos-, A Coruña e Marín -tres en cada localidade-, Sada e Barra de Miño -que acollerán cadansúa competición-, este macroevento náutico é o máis importante a nivel estatal que está programado para o que resta de ano 2020.

Presentada nas antigas instalacións da Escola de Transmisións e Electrónica da Armada (Etea) en Vigo, a Semana Abanca vén disputándose desde o ano 2000, aínda que baixo os nomes de Semana Caixanova, primeiro, e Novagalicia Banco, despois. 

O acto contou coa presenza, entre outros, de José Ramón Lete Lasa, secretario de Deportes do Executivo galego; Manel Fernández, concelleiro de Eeportes de Vigo; o vicepresidente do Comité Organizador e presidente do Clube Náutico de Sada, Enrique Tostado; Pablo Louro como representante das federacións de Remo, Piragüismo, Vela e Esquí Náutico; ou Javier Herrera, presidente do Olívico de Piragüismo.

A cidade de Vigo será a sede principal do evento grazas ás seis competicións de piragüismo e vela que se desenvolverán nas súas augas. A principal novidade desta edición será que, por vez primeira na historia do piragüismo na ría de Vigo, a Federación Mundial outorgou o rango de "internacional" a unha desas probas: a de Kayak de Mar. Está previsto que na mesma participen arredor de 300 padexeiros e padexeiras en representación de 37 clubes de todo o Estado español, sendo ademais a proba que abrirá, no día de mañá, a programación deportiva da Semana Abanca.

Completa o calendario do piragüismo unha segunda cita, tamén na pista da Etea de "augas tranquilas" e organizada polo Clube de Piragüismo Olívico e o Clube Marítimo de vigo, na que se enfrontarán aproximadamente 600 mozos e mozas deportistas dunha vintena de clubes. 

Infinidade de competicións alén da ría de Vigo

No deporte da vela competirase en 420, vaurien e láser (Marítimo de Canido) e en J80, solitarios e cruceiros ORC (Liceo de Bouzas). Logo, en Barra de Miño terá lugar a Copa de España de Esquí Náutico e Wakesurf, con  raiders de varios países, nos días 12 e 13 de setembro.

Na ría de Pontevedra serán dous os portos que vivirán a Semana Abanca. Primeiro Poio, co Campionato de España de J70, no que confirmaron a súa presenza a meirande parte dos mellores patróns e tripulantes da vela estatal e portuguesa, con 30 unidades que representarán a totalidade do país. Máis tarde será a quenda de Marín, que acollerá numerosas competicións de remo, e máis concretamente de remo tradicional e remo ergómetro, así como como a xa histórica Gala do Remo  Concello de Marín.

150 quilómetros cara ao norte -80 millas náuticas, concretamente-, A Coruña será a sede de tres probas de primeira orde: o Nacional de Clase Olímpica Finn, o Campionato Galego de 420 e o Meeting de  Optimist  Vanguard, que este ano homenaxea o desaparecido presidente do Náutico da Coruña, Aurélio Fernández Lage.

Finalmente, a longa lista de eventos que abrangue a Semana Abanca quedará fechada coa Regata Divino Rei, organizada polo Clube Náutico de Sada e que será a que teña maior participación da tempada na Galiza, despois da Maeloc Rías Baixas.

comentarios