A Galiza, ao asalto da Volta a Portugal

Tres ciclistas galegos están situados entre os 10 primeiros clasificados
O gañador da etapa de onte foi o estadounidense Scott McGill (Wildlife Generation), na que é a súa segunda vitoria na rolda lusa. (Foto: Volta a Portugal).
photo_camera O gañador da etapa de onte foi o estadounidense Scott McGill (Wildlife Generation), na que é a súa segunda vitoria na rolda lusa. (Foto: Volta a Portugal).

A 83 Volta a Portugal em Bicicleta continúa o seu curso, e na xornada de onte tivo lugar a sexta etapa das 10 que conforman o calendario da proba, que uniu a través de 159 quilómetros as localidades de Águeda e a Maia nun percorrido no que os corredores tiveron que subir dous portos de montaña, Santa Meria de Feira e a Serra de Santa Justa, de cuarta e terceira categoría, respectivamente. 

Como era de prever, a etapa rematou ao esprinte, no que acabou impoñéndose o estadounidense Scott McGill (Wildlife Generation Pro Cycling), na que é a segunda vitoria do yankee despois da que obtivo na primeira etapa, resultados aos que engade dous segundos postos na segunda e a cuarta.

Con respecto aos galegos, o primeiro en atravesar a liña de meta foi Ángel Sánchez, na posición 19, tres postos por diante de Delio Fernández (22). Alejandro Marque rematou de 34 e o último foi Guillermo García, 58. 

Porén, as cousas na xeral son ben diferentes para eles, pois o primeiro dos ciclistas galegos é o veteranísimo Álex Marque (Atum General-Tavira), quen se sitúa sexto a tres minutos e 33 segundos do líder, Frederico Figueiredo (Glassdrive), quen supera en tan só sete segundos ao uruguaio ex do Vigo-Rías Baixas Mauricio Moreira.

Inmediatamente despois de Marque irrompe o seu compañeiro de equipo e tamén veterano (36 anos) Delio Fernández, sétimo a catro minutos e 17 segundos. Ángel Sánchez (Tavfer) completa a presenza galega no 'Top-10' fechando a lista dos 10 primeiros clasificados. Por último Guillermo García (Radio Popular) ocupa a posición 100.

A carreira chega a Braga 

No día de hoxe a Grandíssima achégase a territorio galego, pois a súa sétima etapa decorrerá entre Santo Tirso e Braga. 

A organización argallou unha ruta de 150 quilómetros lisa como unha táboa ben pulida... até que a falta de 25 para a liña de meta comeza a ascensión ao porto de montaña de Sameiro. Non obstante, a afección ao deporte das dúas rodas non poderá gozar dun final en alto, pois tras coroar no quilómetro 141,6 os ciclistas iniciarán un importante descenso até o centro de Braga, concretamente á Avenida da Liberdade. 

O último esprinte de Álex Marque: o da Estrada di adeus aos seus 40 anos

40 anos ás súas costas, 41 a partir do 23 de outubro. Un mundo para un ciclista. Como referencia, Miguel Indurain botou pé a terra con 32; Abraham Olano e Jan Ullrich, con 33; a finais de maio, Vincenzo Nibali, gañador dun Tour, dous Giros e unha Vuleta, un dos máis veteranos do pelotón (37), anunciaba o seu adeus a finais da presente tempada.

Pero Alejandro 'Álex' Marque segue rodando, e a un gran nivel, como continúa acreditando na Volta a Portugal. Non por nada no país veciño é coñecido como "o privilegiado".

Profesional desde 2004, percorrendo practicamente todas as escuadras portuguesas, o seu terceiro posto na edición do ano pasado foi chave para a súa continuidade en activo durante unha tempada máis, subindo así por terceira ocasión a un podio da Grandíssima, na que se impuxo en 2013.

Pero nesta ocasión, aínda que continua teimudamente instalado nos postos de privilexio, "a decisión está tomada", mais sendo consciente de que será duro deixar un ciclismo que para el é "unha roda que vai encontrando antigos e novos colegas".

Comentarios