A final do Mundial de fútbol de 2026 será en Nova Jersey

A FIFA tamén confirmou o calendario da proba.
Messi, alzando a Copa do Mundo que gañou en Qatar 2022. (Foto: Europa Press).
photo_camera Messi, alzando a Copa do Mundo que gañou en Qatar 2022. (Foto: Europa Press).

A próxima edición da Copa do Mundo de Fútbol, prevista para o ano 2026, xa ten calendario e sedes. Até o momento só se sabía que se desenvolvería conxuntamente nos Estados Unidos de América (EUA), México e Canadá, pero a FIFA ampliou esta segunda feira a información dispoñíbel.

Deste modo, xa é oficial que o partido inaugural do torneo terá lugar no emblemático Estadio Azteca da Cidade de México o 11 de xuño de 2026, punto de partida dun maratón de 104 partidos que se estenderá até o 19 de xullo, cando o Estadio MetLife de Nova Jersey reciba a gran final da Copa do Mundo.

Os Estados Unidos foron os maiores beneficiados de entre a terna de organizadores, pois ademais da final acollerán ambas as semifinais, unha en Atlanta e outra en Dallas, que cun total de nove será a cidade que máis partidos albergue; e os catro partidos de cuartos, nos Ánxeles, Miami, Kansas e Boston.

O Rácing corta Pumar para inscribir a Pinchi

Sen deixar o munfo do fútbol, Fernando Pumar non volverá vestir a camiseta do Rácing de Ferrol. O lateral esquerdo ourensán de 34 anos, que non disputou nin un só minuto desde que sufriu unha gravísima lesión no ligamento cruzado do seu xeonllo esquerdo en outubro de 2022, non contará con ficha federativa na segunda volta, cedendo o seu posto a Óscar Pinchi, fichaxe de última hora dos Diaños Verdes.

"Hai molestias, hai limitacións, noto que non podo ir ao 100% e esta [a Segunda] é unha categoría moi esixente", laiouse Pumar na súa rolda de prensa de despedida do Rácing.

Con el estivo o director deportivo do conxunto ferrolán, Carlos Mouriz, quen recoñeceu que o seu traballo obrígao a tomar "decisións como esta, que hai que tomar, sexan máis ou menos agradábeis".

Comentarios