A cara de Messi nos billetes de 1.000 pesos? O Banco Central de Arxentina estuda a idea

De acordo co xornal 'El Financiero', trataríase de billetes conmemorativos que se imprimirían durante un tempo limitado e serían un obxecto de coleccionista.
A proposta de billete coa cara do astro arxentino (Foto: @BarcaVerse_).
photo_camera A proposta de billete coa cara do astro arxentino (Foto: @BarcaVerse_).

A vitoria da selección de Arxentina no Mundial de Qatar deste ano desatou a loucura no país suramericano.

Segundo informacións proporcionadas pola Alcaldía da cidade de Bos Aires, até catro millóns de persoas se congregaron na praza do Obelisco da capital arxentina para celebraren a que foi a terceira vitoria dun campionato mundial para a albiceleste.

Con todo, esta euforia parece que non fica só na afección á selección de fútbol. Segundo se coñeceu esta quinta feira, o Banco Central de Arxentina está a estudar a posibilidade de que a estrela da selección arxentina, Leo Messi, estea presente na divisa do país, o peso arxentino.

Billetes de 1.000 pesos

O diario arxentino El Financiero informou que, de se aprobar a proposta, a cara de Messi estaría plasmada nos billetes de 1.000 pesos.

De acordo con este xornal, trataríase de billetes conmemorativos que se imprimirían durante un tempo limitado e serían un obxecto de coleccionista.

Non sería a primeira vez

Con todo, non sería a primeira vez que Arxentina plasma na súa divisa un acontecemento deportivo.

De feito, cando a albiceleste gañou o seu primeiro mundial en 1978, o Goberno do país sacou á luz unha moeda conmemorativa que algúns cidadáns arxentinos aínda conservan.

Comentarios