FúTBOL GAéLICO

As seleccións de Galiza e Bretaña mídense no marco privilexiado do Intercéltico de An Orient

O partido entre as seleccións terá lugar o 16 de agosto, no marco da famosa cita internacional do celtismo musical e cultural que reúne ducias de miles de persoas todos os anos.

gaélico galiza bretaña

Por terceira vez as seleccións nacionais de fútbol gaélico de Galiza e Breizh (Bretaña) vanse ver as caras nun terreo de xogo. Desta volta será o vindeiro 16 de agosto en An Orient, a cidade bretoa na que decorre todos os anos e desde hai case medio século o principal festival internacional do celtismo musical e cultural.

O encontro das seleccións femininas disputarase ás 14:30 e a masculina ás 16:00. Anteriormente terá lugar un partido entre os equipos masculinos An Orient e Fillos de Breogán. Unha xornada, pois, de deporte e convivio entre bretóns e galegos en torno ao fútbol gaélico, un deporte que nestes anos experimentou un auxe e medre espectacular en ambos os dous países.

O Festival Intercéltico, que neste 2015 celebra o seu 45 aniversario, está adicado nesta edición á Illa de Man (Mannin) e Cornualles (Kernow). Vai ter lugar entre o 7 e o 16 de agosto, reunindo a ducias de milleiros de persoas procedentes de diferentes países. Este ano, a representación galega vai estar composta por nomes como Radio Cos, Talabarte, Trébede, Carlos Núñez ou Edelmiro Fernández, entre outros.

Novos adestradores

Por outra parte, a Asociación Galega de Fútbol Gaélico, logo de reunión e votación dos representantes dos clubes galegos, elixiu esta semana os seleccionadores nacionais que traballarán para preparar o Mundial de Dublín do vindeiro ano, entre outros compromisos.
-Selección masculina:
1º adestrador: Barry Lynch (Dorna)
2º adestrador: Alexandre Sanmartín (Estrela Vermelha)
-Selección feminina:
1º adestrador: Jerry Holmes (Irmandinhos A Estrada)
2º adestrador: Carlos Torres (Irmandinhas A Estrada)

Máis en DEPORTES
Comentarios