sábado 31/10/20

Ferrol festexa cen anos de 'Diaños Verdes'

Ascensos, descensos, crises, glorias, grandes decepcións e festas rachadas. É que cen de vida dan para moito, como pode dar fe o Racing Club de Ferrol. Unha mostra percorre esa desaforada montaña rusa que é a historia da escuadra departamental a través de paneis fotográficos, trofeos, e moitos outros obxectos únicos.
1967 Pepiño recibe el trofeo Teresa Herrera para el Racing Ferrol
Pepiño, capitán do Racing, recibe o trofeo Teresa Herrera de 1967 (Foto: Nós Diario).

Na Galiza hai fútbol alén de Celta e Deportivo. E moito. O espírito do hai que roelo daquel Pontevedra de Primeira División nos anos 60 segue sendo leit motiv nas conversacións entre a parroquia granota.

En Ourense non esquecen aqueles marabillosos anos do Club Deportivo, con Pedro Riesco, Baba Sule, Jon Kortina, Quique Estebaranz e compañía na segunda metade dos 90.

A Sociedade Deportiva Compostela de Fernando Vázquez, que chegou a ser subcampioa de inverno na tempada 95/96, continúa na retina de todas as afeccionadas galegas.

E que dicir do Lugo, que está a vivir o seu mellor momento de sempre e continúa, ano tras ano, e xa van oito consecutivos, prolongando o soño de manterse na categoría de prata do fútbol profesional.

Mais entre eses "outros" gran-des equipos do país só pode ha-ber un decano, e ese é o Racing Club de Ferrol. Inscrito na Federación Galega o 20 de outubro de 1919, mais legalizado o 10 de xullo de 1920, na Cidade Departamental levan xa varios meses desenvolvendo diferentes actos para conmemorar ese centenario da súa fundación, que acadan o seu cénit cunha exposición que abre as súas portas no día de hoxe ás 11 horas na sede de Afundación en Ferrol.

A mostra poderá visitarse durante un mes, até o vindeiro día 6 de marzo, e segundo explica a Nós Diario un dos seus comisarios, Francisco Serantes, "dentro da súa modestia" conta con pezas "que paga a pena ir ver".

Entre elas brillan con luz propia o Teresa Herrera de 1967 -o título de maior relevancia conquistado polos Diaños Verdes- e o trofeo como finalista da Copa de España de 1939. Ademais, Serantes destaca a entrada para esa final, e pon en valor o traballo desenvolvido por Goyo López Fraire, responsábel de elaborar 54 panéis fotográficos que realizan un percorrido por toda a traxectoria do Racing.

Métopas cortesía dos diferentes conxuntos aos que se foi enfrontando a escuadra ferrolá ao longo das diferentes tempadas, restos do antigo Inferniño, cartelería dos anos 50, 60, 70 e 80 do século pasado ou fragmentos de prensa de época son outras das pezas que conforman unha exposición da que o comisario Serantes pide ao público que non perda "a réplica da camiseta do ano da fundación do clube".

comentarios