O Feile levará a Vigo o mellor da base do fútbol gaélico

A Galiza tornará na capital europea deste deporte no mes de abril.
No último Féile, disputado en Alemaña, obtivo boleto para viaxar a Irlanda un conxunto do continente formado por  Belín e Vannes. (Foto: Keltoi).
photo_camera No último Féile, disputado en Alemaña, obtivo boleto para viaxar a Irlanda un conxunto do continente formado por Belín e Vannes. (Foto: Keltoi).

O fútbol gaélico é o único deporte no que a Galiza pode competir como país, oficial e internacionalmente, e de cara a este ano 2024 que vén de estrear onte o seu segundo mes xa está claro que unha das citas estrelas desta disciplina en territorio galego será o European Féile, que se levará a cabo en Vigo o 27 de abril.

Organizado polo equipo Keltoi da Cidade Olívica en colaboración coa Asociación Galega de Fútbol Gaélico (AEGC), o torneo é unha sorte de Campionato de Europa en idade infantil e cadete para o que se coñece como o "Condado de Europa", é dicir, "todos aqueles territorios do continente nos que se xoga agás Reino Unido e Irlanda", segundo explica para Nós Diario Miguel Otero, portavoz do Keltoi.

O Féile chega á Galiza para a disputa da súa terceira edición, logo das levadas a cabo en Bretaña  (2022) e Berlín (2023), e o escenario escollido para o desenvolvemento da acción foi o Colexio Montecastelo, até onde se desprazarán numerosos combinados europeos, "estando xa confirmada a presenza de formacións de Basilea, Bélxica e Luxemburgo", mais o duro do inverno nalgúns dos países nos que se practica o gaélico levou a que algúns dos potenciais participantes "interesados" en acudir adiasen a súa decisión. Con eles haberá, mirándoos de ti a ti, un número equivalente de formacións galegas.

Estas, de facerse coa vitoria, obterían como recompensa un boleto para actuar antes dalgún encontro do prestixioso All-Ireland, que cada ano ten como sede o  estadio de Croke Park, en Dublín, a gran Meca do fútbol gaélico, onde esta disciplina reúne multitudes que superan os 80.000 espectadores. 

Non obstante, e como aclara Miguel Otero, non será estritamente necesario que algunha das escuadras galegas logre o triunfo final no Féile para que a rapazada do país poida exhibirse en Irlanda, xa que "alí xógase a 15, e como aquí os equipos non adoitan ter tantos nenos, imos xogar a sete; entón, a quen gañe o Féile uniránselle polo menos 10 rapaces da Galiza".

Porque, engade Otero, en última instancia do que se trata é de "promover esta práctica deportiva na idade escolar, nas categorías infantil e cadete". 

Máxima emoción na Liga Galega

Sen deixar o fútbol gaélico, a Liga Galega regresa esta fin de semana despois dun descanso de 15 días tanto na súa modalidade masculina como na feminina.

No referente aos homes, o líder, Fillos de Breogán da Coruña, colidirá na súa casa da Cidade Deportiva Arsenio Iglesias co penúltimo clasificado, Estrela Gaels de Compostela, nun partido programado ás 14.30 horas de mañá.

Completará a xornada un duelo entre dous conxuntos instalados na zona baixa da táboa, Keltoi Estibadores da cidade olívica e o combinado que une Independente con Lume de Beltrane (ETEA Vigo, mañá, 12 horas).

Pola súa parte, as mulleres tamén entrarán en acción, sendo o encontro máis destacado, sempre sobre o papel, o que enfrontará o terceiro clasificado (Turonia de Gondomar) co cuarto (Grovias da Guarda) ás 10 horas de mañá en Chaián (Trazo).

A xornada completarana as herculinas Fillas de Breogán e Auriense de Ourense, que ás 16 horas de mañá xogarán na Cidade Deportiva Arsenio Iglesias.  

Comentarios