A Federación de Automobilismo leva o mundo do motor ás aulas de Mesía

Primeira edición do programa 'FGA nas aulas de primaria', que arranca esta terza feira.
A rapazada será a protagonista. (Foto: FGA).
photo_camera A rapazada será a protagonista. (Foto: FGA).

A Federación Galega de Automobilismo (FGA) dá comezo esta terza feira, a partir das 11.30 horas da mañá, ao programa FGA nas Aulas de Primaria, que nesta primeira parada visitará o CPI Xanceda, situado no Concello de Mesía (Ordes).

Este evento articulado arredor dunha serie de palestras sobre o deporte do automobilismo conta coa colaboración de Gadis, e ten como finalidade achegar a disciplina aos e ás máis novas "mediante a introdución de aspectos chave e a participación dun ou dunha convidada", destacan desde a Federación Galega.

Nesta edición inaugural en Mesía a estrela será Diego García, que ademais de piloto bolseiro da FGA na tempada 2024 para competir na Sandero ECO Cup 2024 é o Campión da Galiza de Autocross na súa modalidade júnior e foi o gañador da derradeira proba puntuábel do Campionato de Europa, disputada en Mollerusa (Catalunya).

Deste modo, os e as estudantes do centro escolar ordense terán a oportunidade de acceder de primeira man a "unha aproximación a un deporte que conta con máis de 2.200 persoas federadas" no país, observando, ao mesmo tempo, "como é unha cita deportiva e un vehículo de competición", xa que no propio CPI Xanceda estará exposto o Carcross co que Diego García foi campión nacional, ademais dun Seat Léon Supercopa.

A maiores, estes alumnos e alumnas serán as primeiras en participar no concurso de debuxo posto en marcha pola Federación Galega de Automobilismo de cara a este curso 2023/24. 

Este certame transformará en real o deseño que saia das mans dos e das estudantes participantes no programa FGA nas Aulas de Primaria, sendo o primeiro vehículo escollido para que inmortalicen as crianzas o Renault Clio que pilotarán esta tempada Álvaro Castro e Isidro Rei.

Comentarios